Conferencia en Ciencias Políticas sobre o Brexit
Enmarcada na festividade do seu patrón, a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais acolle este mércores 4, ás 12.30 horas no Salón de Actos, a conferencia de Michael Keating ‘Brexit: feitos e desafíos para a Unión Europea e o Reino Unido’.
O conferenciante, catedrático de Política Escocesa na Universidade de Aberdeen, é especialista en nacionalismo, política europea e director do Centre for Constitutional Change, entidade punteira no estudo do cambio constitucional e política territorial do Reino Unido.
Foi profesor visitante en universidades de España, Francia, Australia e catedrático de Ciencia Política do Instituto de Estudios Europeos de Florencia. É autor de máis de 18 monografías entre as que destacan: Nations against the State: The New Politics of Nationalism in Quebec, Catalonia and Scotland (Macmillan, 1996), Plurinational Democracy: Stateless Nations in a Post-Sovereignty Era (Oxford University Press, 2001), Rescaling the European State (Oxford University Press, 2013) ou, máis recentemente, Debating Scotland (Oxford University Press, 2017). Keting é ademais membro da Royal Society of Edinburgh, da British Academy, Academy of Social Sciences e da European Academy.