A Universidade de Valencia recoñece as boas prácticas da Cátedra do Pan e do Cereal en materia de divulgación e difusión
A Cátedra do Pan e do Cereal, dirixida pola catedrática da USC, Ángeles Romero, vén de ser seleccionada para formar parte do ‘Observatorio de Boas Prácticas Excellentia Ex Cathedra’ da Universidade de Valencia na categoría ‘Boas prácticas no desenvolvemento de actividades de divulgación e difusión cultural, académica, científica e tecnolóxica’.
Este Observatorio constitúe un banco de experiencias, onde, despois de ser debidamente seleccionadas e avaliadas por un comité de expertos e expertas, recóllense as boas prácticas desenvolvidas por calquera cátedra institucional e de empresa do sistema universitario español a fin de favorecer, por unha banda, a identificación de tendencias e de prácticas innovadoras no desenvolvemento da súa actividade e, pola outra, de servir de medio para dalas a coñecer.
A Cátedra do Pan e do Cereal opta, deste xeito, aos premios ‘Excellentia Ex Cathedra’, os cales conforman un recoñecemento a estas boas prácticas que pasarán a formar parte dun repositorio público de prácticas de excelencia.
A Cátedra do Pan e do Cereal, impulsada polo Grupo Da Cunha, vén de cumprir dous anos de existencia e alberga como obxectivos xerais a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais, tanto dende a perspectiva da historia da súa elaboración, como da mellora dos cereais que permiten a produción do pan galego, así como os procesos de panificación con metodoloxías innovadoras e alternativas para conseguir un valor engadido.
A Cátedra do Pan e do Cereal é peza clave no marco do proxecto de especialización ‘Campus Terra’, financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que impulsa a transformación do campus de Lugo da USC nun espazo especializado no uso da terra e, polo tanto, no eido agroalimentario.