Un curso de verán tratará sobre ofimática en proxectos de enxeñaría
A Universidade de Verán 2018 ofrece un curso sobre ofimática en proxectos de enxeñaría entre os días 3 e 6 de xullo na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra. A matrícula pode formalizarse de xeito presencial ou a través desta páxina web ata o próximo 23 de xuño.
O curso, dirixido por Martín Barrasa Rioja, pretende dar a coñecer distintos programas e aplicacións informáticas de uso habitual no ámbito profesional dos proxectos de enxeñaría. Trátase de realizar unha primeira aproximación aos distintos software que adoitan utilizarse nas oficinas de proxectos.
O curso inclúe sesións sobre planificación e programación de proxectos, ferramentas para a presupostación, follas de cálculo, procesadores de textos, xestores bibliográficos, así como programas para a avaliación económica, financeira e ambiental de proxectos. O alumnado poderá aprender a manexar, por exemplo, Project Libre, diversas bases de datos, Microsoft Excel, Microsoft Word, Mendeley, Anepro, EIA09, CMaps Tools, MindMup, FreeMind e WBSTool.