Un centenar de escolares lugueses visitan a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias no Día Internacional do Leite
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus Terra da USC celebra este venres unha xornada de portas abertas e unha degustación de queixos galegos co gallo da celebración do Día Internacional do Leite 2018.
O programa de actos deseñados pola Aplta para a celebración desta data comezou pola mañá coa visita de preto dun centenar de escolares chegados de dous centros educativos da provincia, como o son o CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla, e o CPR A Milagrosa, de Lugo, e terán continuidade en quenda de tarde coa xornada de portas abertas das instalacións e a degustación de queixos galegos.
A xornada de portas abertas da APLTA desenvolverase en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas e ata as 20.00 horas. A programación desta celebración rematará coa degustación de máis de 15 tipos de queixos galegos.