A Universidade de Verán da USC programa en Lugo un obradoiro de iniciación en metodoloxía Bosquescuela en xuño
A Universidade de Verán 2018 da USC inclúe na súa programación para os días 19 e 20 de xuño un Obradoiro de iniciación en metodoloxía Bosquescuela, cuxas sesións formativas se desenvolverán nas instalacións do Centro de Interpretación Terras do Miño. A matrícula neste programa formativo, estruturado en 15 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 35 persoas, pode formalizarse de xeito presencial ou a través da páxina web ata o próximo 8 de xuño.
O obxectivo do curso estival da USC dirixido polo profesor da área de Didáctica da Expresión Corporal da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra Rubén Navarro Patón e do que actúa como secretaria Silvia Basanta Camiño, é o de favorecer o coñecemento dun modelo de educación homologado e regrado que esperta a iniciativa persoal de nenos e nenas, vivir a inmensa variedade e posibilidades que ofrece a natureza como aula e contorna de aprendizaxe e coñecer e reflexionar sobre os valores, a base teórica e a metodoloxía Bosquescuela.