Alumnado do Campus Terra e asociacións analizan o dinamismo cultural da cidade de Lugo a través do proxecto ‘Somos Cultura’
A análise do dinamismo cultural da cidade de Lugo centra a actividade do proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS) ‘Somos Cultura’, unha iniciativa sobre o estado cultural da cidade desenvolvida por alumnado do último curso do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC en colaboración con diversas asociacións do sector, que aportaron a súa visión e as súas respectivas achegas sobre o tema, ao tempo que participaron nun mapeo final co obxectivo de localizar as áreas de Lugo cunha maior actividade cultural.
A presentación dos resultados do traballo desenvolvido polo estudantado ao abeiro deste programa presentouse este martes na Facultade de Humanidades no marco dunha sesión á que tamén asistiron a concelleira de Benestar do Concello de Lugo, Ana González Abelleira; a responsable da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto; a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; e o vicedenano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Fernández Suárez.
O proxecto de Aprendizaxe e Servizo ‘Somos Cultura’ constitúe tamén unha experiencia pedagóxica novidosa que pretende achegar a Universidade á cidadanía. Neste caso, o grao de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da Facultade de Humanidades da USC pon á disposición dos colectivos culturais da cidade unha serie de instrumentos de diagnose e avaliación da saúde e vitalidade cultural de Lugo.
A través de técnicas de análise cualitativa, como grupos de discusión ou cartografías colaborativas, seis asociacións culturais da cidade (Achádego, Volta do Agro, Fonmiñá, cineclube Valle Inclán, Cultura do País e A Fouce) compartiron co alumnado da materia ‘Estrutura do Sistema Cultural de Galicia’, coordinada pola profesora Comba Campoi, as súas inquedanzas con respecto da vida cultural da cidade. Con ese material, o grupo de alumnos elaborou un informe que logo presentaron aos responsables locais en materia de políticas culturais.