Skip to main content

Unha investigación do Campus Terra da USC urxe a inclusión curricular da lingua de signos e reclama máis intérpretes fronte á diversidade lingüística

 Una investigación del Campus Terra de la USC urge la inclusión curricular de la lengua de signos y reclama más intérpretes frente a la diversidad lingüística
Una investigación del Campus Terra de la USC urge la inclusión curricular de la lengua de signos y reclama más intérpretes frente a la diversidad lingüística
A inclusión curricular da lingua de signos para poder atender así a pluralidade lingüística presente nas aulas e a maior presenza de intérpretes nos centros educativos con alumnado xordo figuran...
Lugo

A inclusión curricular da lingua de signos para poder atender así a pluralidade lingüística presente nas aulas e a maior presenza de intérpretes nos centros educativos con alumnado xordo figuran entre as recomendacións recollidas nas conclusións da tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC a filóloga Cristina González Abelaira baixo o título ‘Planificación lingüística da lingua de signos no ámbito educativo da comunidade autónoma de Galicia: Perspectivas histórica e émica’.

 

A investigación de doutoramento realizada por González Abelaira baixo a dirección de Modesto Rodríguez Neira e María Luz Zas Varela, profesores do Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da USC, inscríbese no marco das políticas lingüísticas desenvolvidas en Europa e constitúe o primeiro estudo científico sobre a planificación da lingua de signos no ámbito educativo da comunidade galega, un sistema educativo, que segundo conclúe esta filóloga, debe ser flexible e establecer alternativas que permitan o acceso a especialistas xordos.

 

González Abelaira, que completou os estudos de Filoloxía Hispánica na Facultade de Humanidades de Lugo e na actualidade exerce como docente no CPI San Tomé do Carballo de Taboada, abordou a súa investigación de doutoramento desde unha perspectiva diacrónica á que engadiu un enfoque émico. Daquela, a tese consta dunha primeira parte máis teórica, analítica e de revisión bibliográfica, seguida dun traballo de observación empírica que se desenvolveu en varios centros educativos con alumnado xordo escolarizado.

 

A filóloga nada en Castroverde conclúe na súa investigación de doutoramento que as administracións deben articular plans e programas conxuntos para a formación en lingua de signos dos profesionais, na súa maioría oíntes, que traballan con alumnado xordo, principalmente, do especialista en audición e linguaxe. Outras das recomendacións feitas pola investigadora aluden á necesidade de fomentar unha maior presenza de intérpretes nos centros educativos con alumnado xordo, ademais de favorecer a coordinación dun traballo conxunto en aras a obxectivos comúns.

 

Tribunal de tese e cualificación

A profesora do Departamento de Educación e Psicoloxía da Universidade de Aveiro, Ana Isabel Oliveira de Andrade, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Cristina González Abelaira. A profesora da área de Lingüística da Universidade de Vigo Carmen Cabeza Pereiro e a tamén docente da área de Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela Gabriela Prego Vázquez completaron a composición do tribunal, que acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación de doutoramento presentada por González Abelaira.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.