De Vacas abre o Lubicán 2018 este xoves 22 no Círculo das Artes de Lugo
O ciclo Lubicán 2018 que pretende potenciar a presentación de novos traballos da música galega, levanta o pano este xoves 22 de febreiro, no Círculo das Artes de Lugo, a partir das 21.00 horas, coa actuación do grupo DeVacas, no marco do seu Tour Vacanal 2018 "Novos xites e os clásicos de sempre".
De Vacas é un cuarteto musical formado por unha guitarra e tres voces que interpretan versións en lingua galega de temas mundialmente coñecidos. Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz integran xunto co guitarrista Guillermo Fernández este grupo que xa actuou na xornada de benvida ao novo alumnado do Campus Terra no ano 2016 e que agora regresa para inaugurar o Lubicán, ciclo de música organizado ao amparo do convenio Lugo Cultural do que forman parte a Universidade de Santiago de Compostela xunto co Concello e a Deputación de Lugo. A entrada ao concerto é de balde ata completar aforo.