O Campus Terra da USC protexe o marisqueo coa formación de especialistas na diagnose das enfermidades dos moluscos
O Grupo de Investigación en Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) do Campus Terra da USC loita contra unha das principais eivas da industria marisqueira en Galicia, as enfermidades dos...
O Grupo de Investigación en Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) do Campus Terra da USC loita contra unha das principais eivas da industria marisqueira en Galicia, as enfermidades dos moluscos, mediante a especialización de veterinarios/as, así como estudantes e graduados en titulacións afíns, no diagnóstico das pataloxías experimentadas por este grupo animal.
A Facultade de Veterinaria acolleu este mércores en quenda de mañá e tarde, e volverá facelo este xoves a partir das 09.00h no laboratorio de Histoloxía, un curso teórico-práctico no que vintecinco alumnos e alumnas adquiren coñecementos básicos sobre a anatomía e histoloxía dos moluscos de interese comercial, o diagnóstico microscópico das súas principais enfermidades (víricas, bacterianas e parasitarias) e as estratexias de loita que se levan a cabo para o seu control.
Antonio Villalba, doutor en Bioloxía pola USC, especialista en enfermidades dos moluscos polo Virginia Institute of Marine Science e relator da primeira xornada destacou que “en Francia incrementouse nos últimos anos a mortalidade do mexillón, por iso é preciso estar preparados e dispor de profesionais formados nesta materia”. Pola súa parte, Susana Darriba, directora da Unidade de Patoloxía do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño en Galicia (INTECMAR) e que intervirá na xornada do xoves, salientou que “este tipo de formación resulta indispensable non só para os profesionais que traballan en laboratorio senón tamén para formar axeitadamente a técnicos da administración á hora de tomar decisións”.
Estruturado en dous créditos ECTS, neste curso descríbense protocolos de mostraxe e procesado de mostras. A partir de exemplares de ameixas, berberechos, ostras e mexillóns, realizaranse técnicas de diagnóstico rápido co fin de que os asistentes se familiaricen co diagnóstico histolóxico. As persoas inscritas no curso realizarán o exame microscópico de coleccións de preparacións citolóxicas e histolóxicas.