Skip to main content

Veterinaria acolle a reunión de arranque do proxecto europeo Alertox-Net, liderado polo Campus Terra da USC

Veterinaria acoge la reunión de arranque del proyecto europeo Alertox-Net, liderado por el Campus Terra de la USC
Veterinaria acoge la reunión de arranque del proyecto europeo Alertox-Net, liderado por el Campus Terra de la USC
A Facultade de Veterinaria vén de acoller a reunión de arranque do proxecto europeo, ao abeiro do Programa de Cooperación Territorial Interreg V e que recibirá fondos por un importe global de tres...
Lugo

A Facultade de Veterinaria vén de acoller a reunión de arranque do proxecto europeo, ao abeiro do Programa de Cooperación Territorial Interreg V e que recibirá fondos por un importe global de tres millóns de euros, Alertox-Net, liderado polo Campus Terra da USC e que cunha duración de tres anos pretende desenvolver unha rede de alerta de toxinas mariñas que permita aumentar a seguridade dos consumidores, así como establecer algún posible indicador de riscos relacionados co cambio climático.

 

O consorcio internacional que integra o proxecto está conformado por membros do Marine Institute de Galway, da Universidad de Galway, da Queens University de Belfast, do CEFAS de Weymouth, do Centro da Enerxía Atómica de París, do Ifremer de Nantes, do CIIMAR-Univ Porto, da Fundación AZTI de Bilbao, do Intecmar da Xunta de Galicia, e do Consello Regulador do Mexilón de Galicia, os cales reuníronse o pasado mércores con membros do grupo de investigación Farmatox da USC (GI-1682), dirixido polo catedrático do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Luis Miguel Botana e con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra.

 

Alertox Net é o terceiro proxecto de investigación para o que o grupo de investigación Farmatox da USC acada financiamento a través do Programa de Cooperación Interregional Interreg, segundo sinala Luís Miguel Botana, quen explicou que esta nova iniciativa no eido da I+D+i permitirá dar continuidade ás accións xa desenvolvidas no marco dos dous proxectos anteriores: Atlantox e Pharmatlantic. Estes programas internacionais posibilitaron o desenvolvemento de novos métodos para a detección de toxinas mariñas emerxentes, así como o posterior desenvolvemento e creación de medicamentos e fármacos a partir destes produtos mariños.

 

O labor de investigación realizado polo grupo de investigación Farmatox da USC ao abeiro dos proxectos Atlantox, primeiro, e Pharmatlantic, despois, deron pé a arredor de 10 concesións de patentes, ademais da publicación de preto dun cento de artigos en revistas científicas internacionais de elevado impacto. Esta bagaxe científica tamén contribuíu, segundo indica Luís Miguel Botana, a focalizar a atención nos novos riscos que xorden por mor dos efectos do cambio climático e tamén como consecuencia da acción do ser humano, factores que causan e ou favorecen a aparición de toxinas emerxentes e de inminas cíclicas.

 

Os efectos do cambio climático fan que as augas quentes suban de latitude e cambien os perfís ecolóxicos. Estas transformacións implican variacións nas poboacións de microalgas e a aparición de toxinas emerxentes. Estas novas toxinas resultan descoñecidas e tamén están fóra de calquera mecanismo de control ou regulamentación normativa. Ás consecuencias deparadas polo cambio climático cómpre sumar outros efectos deparados pola acción do home, como foi o caso do Canal de Suez, unha obra de enxeñaría que fixo posible que toxinas procedentes do Índico se expandiran polo Mediterráneo. Cómpre salientar os riscos para a saúde pública que deparan as tetrodotoxinas (toxinas de orixe bacteriana que poden estar en calquera parte e das que non se coñece a súa ecoloxía).

 

A toxina do peixe globo apuntouse nun primeiro momento como orixe destas toxinas emerxentes, pero o posterior descubrimento da toxina das praias (palitoxina), que provocou o peche de areais e áreas de baño desde Italia hasta o Algarve portugués, ou os casos de presenza de tetrodotoxina de mexillón rexistrados en Holanda, Inglaterra ou Grecia, ou de concha mariña, en Málaga, activaron a creación dun grupo de traballo na Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), no que participou Luis Miguel Botana e que acordou a pertinencia de facer unha lexislación sobre tetrodotoxinas polo grave risco que supoñen. A recente opinión de EFSA sobre a tetrodotoxinas baseouse moito no traballo proporcionado por Atlantox.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.