Skip to main content

O uso nas aulas dos kits de aprendizaxe creados no Campus Terra da USC centra a III Xornada XuvenCiencia para Profesorado

El uso en las aulas de los kits de aprendizaje creados en el Campus Terra de la USC centra la III Jornada XuvenCiencia para Profesorado
El uso en las aulas de los kits de aprendizaje creados en el Campus Terra de la USC centra la III Jornada XuvenCiencia para Profesorado
A terceira edición das xornadas ‘XuvenCiencia para profesorado. Mergúllate na investigación’,   un foro de comunicación e información entre profesorado de ensino secundario e universitario,...
Lugo

A terceira edición das xornadas ‘XuvenCiencia para profesorado. Mergúllate na investigación’,   un foro de comunicación e información entre profesorado de ensino secundario e universitario, promovido polo Grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía XuvenCiencia da USC, reúne este sábado na Biblioteca Intercentros de Lugo e nos laboratorios de investigación do Campus Terra da USC profesores de ensino secundario e Formación Profesional das especialidades de Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía e Tecnoloxía, que xa están a traballar cos kits de aprendizaxe ‘ XuvenCiencia na Aula’.

 

Esta xornada, orientada a promover actividades conxuntas dirixidas ao fomento das vocacións científico-técnicas e científico-sociais do alumnado preuniversitario, ten un marcado carácter práctico e está estruturada en oito horas, distribuídas en quenda de mañá e tarde. A coordinadora do Grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía XuvenCiencia da USC, Mercedes Novo Rodríguez,  será a encargada de dar a benvida aos participantes nesta xornada de intercambio de experiencias e formación, na que, entre outros cometidos, todos os participantes intercambiarán as experiencias e os resultados obtidos cos kits de aprendizaxe Animal CSI, Vitroplant e Photonics Explorer.

 

O perfeccionamento do manexo dos kits XuvenCiencia na Aula é un dos obxectivos desta xuntanza, no marco da que os responsables do Grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía XuvenCiencia da USC tamén presentará o novo kit de aprendizaxe ‘Aqualab’. Este dispositivo educativo de sensores de medida de humidade do solo está desenvolvido polos profesores Montserrat Valcárcel, Miguel Ángel González, Jorge Dafonte e Javier J. Cancela, investigadores da área de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra.

 

Kit Aqualab

O proxecto do Kit Aqualab (sensores de medida de humidade no solo)  baséase na realización dun balance hídrico moi sinxelo dun solo nunha maceta. A estimación dos elementos do balance hídrico é unha parte fundamental para conseguir un uso sustentable da auga. Nos currículos educativos de educación secundaria recóllense distintos aspectos relacionados coa auga, a súa xestión e consumo responsable; pero tamén é necesario o desenvolvemento de tecnoloxías baratas que permitan á poboación implicarse no aforro da auga en distintos ambientes (no fogar, na industria, etc.).

 

O kit levará os elementos necesarios para desenvolver tres actividades, tales como o son a montaxe do sensor de humidade do solo capacitivo; a calibración do sensor, a través da que se obtén unha curva de calibración medindo a resposta do sensor e o contido de auga no solo mediante pesado dunha maceta de solo. A realización dun balance de auga na maceta de solo, a fin de estimar a perda de auga por evaporación desde o solo, para o que se medirá o contido de auga no solo mediante pesada, a auga aplicada e a drenaxe, é a terceira das accións previstas neste kit.

 

As actividades para as que foi deseñado o kit educativo e de aprendizaxe nas aulas Aqualab están pensadas para que os profesores poidan realizalas de forma autónoma, aínda que existirá seguimento e asesoramento continuo por parte dos responsables do proxecto na USC.

 

The contents of this page were updated on 02.25.2022.