Unha delegación da Universidade polaca de Cracovia visita o Campus Terra da USC
Anna Nowak, do Centro de Transferencia de Tecnoloxía da Universidade de Cracovia e Małgorzata Lalicka, da oficina de fondos estruturais da mesma institución, foron recibidas este mércores polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, polo vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro Lois, e polo técnico de transferencia da USC, José Manuel Rebolo.
A través do programa Erasmus+, as técnicos da universidade de Cracovia aspiran a coñecer os sistemas de transferencia do Campus Terra da USC. Concretamente, o motivo da visita consiste en obter experiencia e coñecementos relevantes no eido da transferencia de tecnoloxía, desenvolvemento e xestión de proxectos internacionais.
Trala recepción na vicerreitoría de Coordinación, a delegación polaca visitou a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, así como a empresa TasteLab, spin-off do Campus Terra da USC.
Este xoves 6 de xullo, está previsto que a delegación visite distintos grupos de investigación do Campus Terra, así como a Plataforma da Madeira Estrutural PEMADE.