Skip to main content

O proxecto ZebraNanoTox gaña o premio de emprendemento Santander YUZZ de Lugo

El proyecto ZebraNanoTox gana el premio de emprendimiento Santander YUZZ de Lugo
El proyecto ZebraNanoTox gana el premio de emprendimiento Santander YUZZ de Lugo
A  empresa ZebraNanoTox, impulsada por Vanessa Pérez Cedrón, foi elixida como a mellor idea do centro YUZZ do Campus Terra da USC e obtivo unha praza para viaxar a Silicon Valley xunto aos...
Lugo

A  empresa ZebraNanoTox, impulsada por Vanessa Pérez Cedrón, foi elixida como a mellor idea do centro YUZZ do Campus Terra da USC e obtivo unha praza para viaxar a Silicon Valley xunto aos outros 51 mellores novos emprendedores da oitava edición do Yuzz, o programa de emprendemento que promove Banco Santander a través de Santander Universidades e coordina o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) coa colaboración do Campus Terra da USC.

 

O proxecto ZebraNanoTox está centrado  en prover  servizos de avaliación de toxicidade e  eficacia de compostos e  nanocompostos nun innovador e  recente organismo modelo,  o  peixe cebra. Pérez Cedrón e a súa colaboradora Carla Gutiérrez, recibiron o premio de mans do vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois. No acto tamén interviñeron Juan José Lirón Lago, subdirector Xeral de Emprego da Xunta de Galicia; Javier Caldeiro Pérez, director da Oficina Universitaria do Banco Santander; Florencio Silvestre Logroño, representante de Secot; e Patricia González Alonso, coordinadora do centro Yuzz Lugo.

 

O xurado seleccionou o proxecto de Vanessa Pérez Cedrón como o mellor do centro YUZZ Lugo, espazo no que 35 estudantes recibiron formación, asesoramento e mentoring para o desenvolvemento dos seus modelos de negocio. A través de 20 proxectos, as 35 persoas seleccionadas no centro Yuzz Lugo beneficiáronse do acceso a un espazo coworking de alto rendemento na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra, onde contaron con espazo físico para desenvolver a súa idea e relacionarse con outros emprendedores, ademais de recibir formación en innovación e modelos de negocio nunha rede de máis de 200 expertos profesionais. Durante esta estadía recibiron asesoramento personalizado para o desenvolvemento do seu proxecto. Para a selección de participantes realizáronse entrevistas persoais tras unha preselección baseada na valoración de aspectos como o perfil emprendedor, a traxectoria persoal, a súa capacidade para comunicar a idea proposta, o compoñente innovador do proxecto, a súa creatividade e o potencial de crecemento do negocio.

 

Ademais, Coeduca, un proxecto creado por Cecilia Porral Iglesias foi seleccionado como finalista para o premio YUZZ Muller que patrocina a Fundación EY, dotado con 20.000 euros, mentres que EICPar, impulsado por José Angel Hernández Malagón e Antonio Miguel Palomero Salinero, resultou finalista na categoría YUZZ innovación tecnoloxía disruptiva que impulsa INDRA, dotado con 3.000 euros e con apoio e asesoramento dos profesionais de Indraventures. Os premiados recibiron unha tablet e un hosting por xentileza de Raiola Networks, mentres que os segundos e terceiros finalistas gañaron unha hospedaxe no Hotel Piornedo.

 

Oportunidades en Silicon Valley

O obxectivo desta experiencia que ofrece Santander YUZZ aos gañadores de cada un dos 52 centros de todo o país é inspirar e potenciar aos mozos emprendedores para acelerar o desenvolvemento das súas startups, brindándolles conexións para a internacionalización dos seus proxectos e a procura de financiamento.

 

A viaxe dunha semana a Silicon Valley inclúe visitas a empresas como Google, LinkedIn ou Facebook e conferencias en prestixiosas universidades como Berkeley ou Standford. Os 52 YUZZers gañadores tamén visitarán o Spain Tech Center (STC) -impulsado por Banco Santander, ICEX e Rede.es-, cuxa meta é facilitar a implantación de PEMES de base tecnolóxica española nunha das contornas máis dinámicas e competitivas do mundo.

 

Trala viaxe, os 52 mozos asistirán á final nacional dos premios Santander YUZZ 2017 que se celebra na Cidade Grupo Santander de Boadilla del Monte. Un xurado integrado por representantes de Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras seleccionarán aos tres mellores emprendedores, que recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar os seus proxectos.

 

Santander YUZZ promove o talento novo, o espírito emprendedor e o impulso de ideas innovadoras. Nas súas sete edicións anteriores creáronse máis de 500 empresas e potenciáronse os proxectos de máis de 3500 emprendedores.

 

The contents of this page were updated on 02.25.2022.