As oportunidades da dixitalización do sector agroalimentario galego para a investigación, a debate no Campus Terra da USC
O edificio Cactus acolle este mércores, a partir das 10:00 horas, a xornada de traballo ‘Oportunidades da dixitalización do sector agroalimentario galego para a investigación do Campus Terra’ na que se coñecerán experiencias e casos de éxito na dixitalización de procesos e áreas de produción.
As oportunidades para a investigación do Campus Terra nas estratexias de dixitalización do sector primario; avaliar e dinamizar ideas e oportunidades de proxectos a partir da colaboración interdisciplinar; e por suposto coñecer as iniciativas e o papel do Campus Terra no Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario de Galicia impulsado conxuntamente co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), constitúen os principais obxectivos desta xornada.
O foro abrirase co relatorio ‘A dixitalización do Sector primario: unha prioridade nas estratexias de I+D europea e rexional, a cargo de representantes do Campus Terra e Gradiant, para que a continuación Monet Viticultura, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e o Centro Singular de investigación en Tecnoloxías da Investigación (CiTIUS) expoñan as súas experiencias de dixitalización. A sesión pecharase cun relatorio con ideas de proxectos e /ou liñas de investigación con potencial aplicación ao Polo de Innovación Agroalimentario de Galicia.
O Campus Terra da USC e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) decidiron unir forzas e apostar pola creación dun polo de innovación dixital no sector agroalimentario (“Digital Innovation Hub” na terminoloxía da Comisión Europea). Neste polo conflúen, pola banda da demanda, un sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade produtiva; e pola banda da oferta, a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos así coma dos centros de coñecemento e innovación xeradores desas solucións e melloras que demanda o sector.
Esta iniciativa establece unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil, da que cada parte interesada pode tirar beneficios específicos: maior competitividade para o sector agroalimentario, oportunidades de negocio e potencial exportador para os provedores tecnolóxicos ou oportunidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos.