O Campus Terra da USC participa na elaboración da futura lei de cambio climático e transición enerxética
A USC participa a través do Campus Terra na elaboración do proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética, un dos requirimentos esixidos ao Goberno pola Comisión de Cambio Climático do Congreso dos Deputados, en aras de que España acade os compromisos en materia de cambio climático e de enerxía.
A primeira das achegas realizadas pola institución académica compostelá cara a este novo proxecto normativo xa quedou visible na primeira sesión de traballo sobre a futura regulamentación, un foro que se desenvolveu baixo o título ‘Agricultura, gandería, bosques e alimentación na transición cara un modelo baixo en carbono’, e no que a profesora e investigadora María Rosa Mosquera Losada, da área de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, participou como relatora na mesa de Academia e Investigación, da que logo tamén actuaría como portavoz.
As conclusións acadadas por este grupo de traballo na súa primeira reunión son diversas. As entidades, institucións e demais participantes representados na mesa de Academia e Investigación que está a traballar na redacción do futuro proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética, consideran “moi acaído” o nome da futura normativa, que, na súa opinión, debe facer fincapé no feito de que a transición enerxética non depare perda de competitividade dos sistemas extensivos e intensivos no marco da sustentabilidade.
A creación dun programa específico de agricultura e cambio climático vinculado á agricultura e á cadea agroalimentaria no marco de I+D+i e capaz de cubrir as necesidades actuais e futuras, constitúe unha das necesidades advertidas pola mesa de Academia e Investigación da futura lei. Este grupo de traballo estima asemade que o programa específico demandado debe permitir a obtención de datos estandarizados e ferramentas (agroecoloxía, prácticas agroforestais, aproveitamento de residuos, bioeconomía e economía circular). O recoñecemento das singularidades ou diversidade do sector (condicións climáticas, socioeconomía...) e a inclusión de medidas orientadas a mitigar ou solucionar graves problemas como a erosión ou a contaminación, son outros dos elementos que debe incluír este programa específico de agricultura e cambio climático.
A coordinación a diferentes escalas e niveis nos planos vertical e horizontal (nacional, rexional, entre ministerios e organismos de investigación: CSIC, INIA, centros tecnolóxicos, universidades...) seguindo modelos que empreguen metodoloxías participativas que integren a todos os actores implicados, é outra das recomendacións xa expostas por este grupo de traballo.
Outras das esixencias xa adiantadas pola mesa de Academia e Investigación implicada na redacción do futuro proxecto de lei de Cambio Climático e Transición Enerxética atinxe á estandarización de datos. A homoxeneización desta información é precisa para que a Oficina de Cambio Climático proporcione datos actualizados e reais para o cumprimento dos obxectivos do Protocolo de Kyoto, a fin de contribuír así á toma de decisións que melloren os procesos e a xestión cara unha agricultura máis sustentable.
Garantir a innovación para que as distintas técnicas proporcionadas pola academia e a investigación se poidan aplicar a escala local, a través de incentivos e marcos flexibles, ademais de favorecer a formación e a transferencia en aras de avanzar na concienciación e sensibilización social respecto da problemática do cambio climático, son outros dos aspectos que tamén figuran entre as conclusións deste grupo de traballo.