Skip to main content

Xornada de portas abertas na Aplta do Campus Terra da USC polo Día Mundial do Leite

Jornada de puertas abiertas en el Aplta del Campus Terra de la USC por el Día Mundial de la Leche
Jornada de puertas abiertas en el Aplta del Campus Terra de la USC por el Día Mundial de la Leche
Máis dun centenar de escolares dos centros educativos da capital luguesa As Mercedes e Luís Pimentel visitaron este venres as instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias...
Lugo

Máis dun centenar de escolares dos centros educativos da capital luguesa As Mercedes e Luís Pimentel visitaron este venres as instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus Terra da USC, onde tiveron a oportunidade de participar en diversos obradoiros lácteos, organizados co gallo da celebración do Día Mundial do Leite, unha efeméride que coincide tamén co segundo aniversario da inauguración das novas instalacións deste centro universitario.

 

O programa de visitas comezou ás 9.30 horas da mañá coa chegada do primeiro grupo de escolares, que permaneceu no centro universitario durante dúas horas. De seguido, o segundo grupo de alumnado completou un percorrido con actividades semellantes. Durante a súa permanencia na sede da Aplta, os escolares participantes nesta xornada de portas abertas tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións do centro, ademais de visitar a planta piloto, onde se lles explicou de xeito básico as tecnoloxías existentes para proceder ao tratamento e transformación do leite, ao tempo que participaron en obradoiros sobre a elaboración de iogures e queixo.

 

Nestas sesións divulgativas, guiadas sempre por persoal e técnicos da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra da USC, os escolares puideron degustar diversos produtos lácteos, ao tempo que recibiron algunhas charlas formativas e tamén de sensibilización sobre a importancia do consumo de leite para a saúde.

 

O persoal da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC contou nesta xornada de portas abertas coa visita de varios xogadores do Club Baloncesto Breogán, que, acompañados da mascota do club, acudiron á sede da Aplta para sumarse á celebración do Día Internacional do Leite, ademais de para transmitir aos escolares os beneficios que reportan os hábitos de vida saudables.

 

Os nenos e nenas participantes nesta quenda de visitas recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa, un caderno de actividades de temática láctea e unha bolsa con produtos lácteos, obsequio das empresas colaboradoras: Capsa, Puleva, Casa Grande de Xanceda, Feiraco e Quescrem.

 

Unha vez rematada a quenda de visitas infantís, as instalacións da Aplta permaneceron abertas a disposición de todas aquelas persoas interesadas en realizar unha visita comentada das mesmas.

  

The contents of this page were updated on 02.25.2022.