Anlauf Dúo ofrece este luns un concerto de vento e piano na Casa do Saber no marco do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’

Anlauf Dúo, unha formación integrada polo pianista Manuel Borraz Monasterio e polo saxofonista Pablo González Balaguer, ofrecerá este luns 16 de abril, a partir das 20.00 horas, un concerto no auditorio da Casa do Saber de Lugo no marco do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, un programa de música de cámara promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
O programa do concerto, estruturado en dous actos, comezará cun preludio no que os dous músicos interpretarán pezas de Alfred Desenclos, Antón García Abril e Paul Creston. A segunda parte da actuación de Anlauf Dúo inclúe sete cancións populares españolas, compostas por Manuel de Falla; a sonata para saxofón alto de Paul Hindemith, unha escolma de cancións españolas antigas, de Federico García Lorca, e a sonata para saxofón e piano, de William Albright.
Formación e traxectoria
Anlauf Dúo, creado en 2015 polo pianista Manuel Borraz Monasterio e o saxofonista Pablo González Balaguer, tras comezar unha grande amizade na Escola Superior de Música de Basilea en Suíza, é unha formación que desde os seus inicios buscou na música de cámara o xeito de expresarse e entenderse. Anlauf Dúo pretende combinar diferentes campos. Por iso, abarca un programa que vai desde transcricións de sonatas de violín, ata a música contemporánea, así como música de compositores españois e composicións propias. Co obxectivo de ofrecer unha ampla versatilidade de estilos musicais e de estéticas diferentes, centran o seu foco de atención en ofrecerlle ao oínte unha versión honesta, creativa e espontánea, levando a cabo un estudo profundo da música de cámara. É así como se atreven con todos os estilos: barroco, clásico, romántico, contemporáneo e ata a improvisación libre.
Con certo aire reivindicativo, Anlauf Dúo busca a sorpresa no oínte, mostrando que o piano e o saxofón poden ir facilmente da man, ofrecendo unha nova e persoal visión, froito da boa conexión tímbrica de ambos instrumentos.Formáronse en España, Suíza e Francia cos máis prestixiosos profesores de cada país. Os máis importantes son: Marcus Weiss, Jean Marie Londeix, Heinz Holliger, Ferenc Rados, András Keller, Sergio Azzollini, Claudio Martínez Mehner, Filippo Gamba e Anton Kernjak.
Á súa vez, deron concertos en España, Suíza, Italia, Alemaña e China, onde contaron co apoio do PICE (2017 Shenzhen_International_Festival_of_Saxophone con xira de concertos en Shenzhen, Guangzhou e Shanghai). Ademais, tocaron para a radio española e a radio suíza. Asemade, Anlauf Dúo conta co apoio de fundacións oficiais, tanto españolas como internacionais. As máis importantes son Swiss Foundation for Young Musicians en Suíza, e Acción Cultural en España.