O Campus Terra da USC visita dous centros de secundaria na cidade de Ourense
A xestora de especialización da Oferta Docente, Margarita Vilela, e a xestora de Comunicación, Natalia Alonso, visitaron este luns os Institutos de Ensino Secundario Universidade Laboral e As Lagoas na cidade de Ourense, coa intención de presentar a oferta académica e de servizos do Campus Terra.
Preto dun centenar de alumn@s puideron coñecer de primeira man o mapa de titulacións dos oito centros do campus, o cal abarca a totalidade das áreas de coñecemento, así como o conxunto de actividades que se ofertan dende a área de Cultura, e os servizos de Orientación e Inserción Laboral, Participación e Integración Universitaria, Deportes, Centro de Linguas Modernas e Normalización Lingüística.
Esta acción enmárcase dentro dos plans operativos de Especialización da Oferta Docente e de Comunicación e Reputación Corporativa, a fin de potenciar a imaxe do Campus Terra como o campus da USC especializado na sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra, e reivindicar unha visión interdisciplinar do concepto Terra.