Skip to main content

50 anos da volta do cineasta Carlos Velo á súa aldea natal

50 anos da volta do cineasta Carlos Velo á súa aldea natal
50 anos da volta do cineasta Carlos Velo á súa aldea natal
Este martes inaugúrase na Igrexa unha exposición con fotografías inéditas da visita que Velo, exiliado en México, realizou a Cartelle en 1967

“Unha captura sentimental da súa aldea, da súa nenez e mocidade, para levar de volta a México a memoria da súa terra”. Así definía en outubro Enrique Acuña a mostra ‘Carlos Velo. A volta a Cartelle. Fotografías 1967’, que se presentaba en Ourense organizada pola Fundación Carlos Velo e que agora se poderá visitar na Igrexa da Universidade compostelá.

‘Carlos Velo. A volta a Cartelle. Fotografías 1967’ inaugúrase este martes 17 ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade nun acto que preside a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez, e no que tamén participan a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, e o comisario da mostra Enrique Acuña

En 2017 cumpríanse 50 anos da volta de Carlos Velo (Pereirós, Cartelle, 1909 – México, 1988) á súa terra, que deixou nun exilio a México obrigado pola Guerra Civil logo dunha vida marcada pola bioloxía e máis adiante polo cine, sempre cun profundo compromiso coa lingua e o país, ao que puido regresar xa con 58 anos.

A exposición confórmana 42 fotografías seleccionadas dun total de medio cento de imaxes realizadas polo propio Carlos Velo na súa aldea natal, Os Pereiros, en 1967, que en opinión de Acuña é “unha das mellores mostras da fotografía galega do século XX". Poderá visitarse ata o 25 de maio en horario de luns a venres de 17:00 a 20:30 horas.

The contents of this page were updated on 04.13.2018.