A USC traballa en Grecia contra a degradación ambiental ao abeiro do proxecto europeo Erasmus + Landcare
Unha delegación da USC liderada polo profesor Agustín Merino, do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, e integrada por catro estudantes de enxeñaría forestal, Bioloxía, ademais de por dúas alumnas do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), participan na illa de Naxos (Grecia), xunto con outros estudantes e docentes das universidades de Atenas, Lisboa e Pisa, así como con empresas dos citados países, nun seminario formativo e de traballo a prol da loita contra a degradación ambiental no Sur de Europa organizado ao abeiro do proxecto europeo Erasmus + Landcare.
O programa internacional Landcare é unha iniciativa de interese social e ambiental no que participan catro países do Sur de Europa con problemas de degradación de terreos como consecuencia do cambio climático ou, entre outros motivos, pola sobre explotación de recursos. Trátase dun proxecto que persigue mellorar as capacidades de formación para restaurar e rehabilitar terreos degradados de Grecia, Italia, España e Portugal. O Landcare é un programa liderado pola USC e coordinado polo profesor Agustín Merino que conta con 265.000 euros de financiamento do programa Erasmus de Sociedades Estratéxicas para Educación Superior ‘Erasmus + KA203’.
O obxectivo deste proxecto internacional pasa por estimular e afondar na motivación das universidades participantes de formar unha mocidade emprendedora e preocupada pola degradación e conservación ambiental. A elaboración de materiais didácticos e de estudo acaídos para tal fin e a posibilidade de crear novos horizontes de emprego nos países europeos do Mediterráneo son outros dos cometidos desta iniciativa.
O proxecto Landcare trata de superar o grave deterioro ambiental do Sur de Europa, un territorio que sufre as consecuencias da degradación de solos e augas, sinala Merino. O programa está enfocado tanto desde unha perspectiva teórica como práctica, a través do coñecemento en primeira persoa de casos reais de zonas afectadas por degradación de solos e costas, contaminación e incendios, engade o coordinador deste Erasmus +.
Nas xornadas de traballo desenvolvidas durante as dúas últimas semanas na illa grega de Naxos participaron un total de 13 estudantes e sete profesores de nacionalidades grega, italiana, portuguesa e española. Os universitarios pertencen a disciplinas ou ámbitos diversos, tales como bioloxía, xeoloxía, enxeñaría forestal, enxeñaría ambiental, enxeñaría agrícola ou educación.
Neste caso, a USC participou neste seminario formativo e de traballo en Naxos a través do enxeñeiro forestal Martín Rodríguez Padorno, a bióloga Patricia Domonech e as educadoras Marta Martínez e Begoña Reboredo. A participación destas dúas alumnas do máster DAEN, un posgrado oficial da USC dirixido polo profesor Eugenio Otero Urtaza, responde a que nesta última edición do programa Landcare buscouse dar tamén un enfoque educativo ante a demanda de traballo desta problemática desde o ámbito educacional como medio de concienciación e prevención. Daquela, estes estudantes tamén terán a oportunidade de realizar prácticas en empresas relacionadas coa restauración ambiental.