Skip to main content

Tomás S. Cuesta, director da EPS da USC: “Un campus orientado ao concepto Terra significa docentes especializados”

Tomás S. Cuesta, director de la EPS de la USC: “Un campus orientado al concepto Terra significa docentes especializados”
Tomás S. Cuesta, director de la EPS de la USC: “Un campus orientado al concepto Terra significa docentes especializados”
O 4 de agosto finaliza o prazo para que podas reservar a túa praza nos máster do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, entre eles, os máster universitarios en Enxeñaría Agronómica e...
Lugo

O 4 de agosto finaliza o prazo para que podas reservar a túa praza nos máster do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, entre eles, os máster universitarios en Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría de Montes. O director da Escola Politécnica Superior explícanos por que estas titulacións resultan fundamentais para formar os profesionais do futuro.

 

Campus Terra (C.T.): Que metas perseguen estes máster?

Tomás S. Cuesta (T.S.C.): O obxectivo xeral do Máster en Enxeñaría Agronómica, máster habilitante para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Agronómo, é a formación de técnicos superiores capacitados para proxectar, planificar, organizar, dirixir e controlar os sistemas e procesos produtivos desenvolvidos no sector agroalimentario, incluíndo as infraestruturas e instalacións necesarias para o desempeño eficiente das devanditas actividades produtivas, todo iso nun marco de protección e conservación do medio ambiente e de desenvolvemento e mellora do medio rural. Pola súa parte, o obxectivo xeral do Máster en Enxeñaría de Montes, máster habilitante para o exercicio da profesión de Enxeñeiro de Montes, é a formación de técnicos superiores capacitados para planificar, proxectar, organizar, controlar e dirixir os espazos naturais e os bens e servizos que proporciona o ámbito forestal. Entre os seus obxectivos específicos están protexer o solo, conservar e regular os recursos hídricos, asegurar a continuidade das especies de flora e fauna silvestre, mellorar o medio ambiente rural, estudar e organizar a repoboación e conservación dos montes e aproveitar os recursos forestais, tanto para a súa transformación pola industria como para o disfrute directo. Tamén entran dentro das súas competencias a construción de pistas forestais e naves para o almacenamento, secado e transformación de madeira. Para iso, adquírense os coñecementos da loita contra as pragas e enfermidades das plantas, a prevención e extinción de incendios, a protección e fomento da fauna silvestre, tanto terrestre como acuícola, e a mellora de todas as especies vexetais silvestres.

 

C.T.: De que modo os máster contribúen a mellorar a inserción laboral do alumnado?

T.S.C.: Os estudantes que egresen do máster serán profesionais preparados para o exercicio da profesión regulada de enxeñeiro de montes e saberán manexar os recursos forestais de forma sustentable. Os Enxeñeiros de Montes actúan en diferentes sectores económicos como a administración pública, a docencia, as empresas ligadas ao sector madereiro, a produción forestal e a xestión do medio natural. Debemos destacar a capacidade para realizar proxectos e plans de actuación integrais no medio natural, proxectar, dirixir e xestionar industrias e instalacións forestais de primeira e sucesivas transformacións, aplicar e definir criterios e indicadores no campo da auditoría ambiental, desenvolvemento de técnicas e proxectos no campo das enerxías renovables, intervir no ámbito dos recursos naturais renovables susceptibles de protección, conservación e aproveitamentos no eido forestal, coñecemento para o análise da estrutura e función ecolóxica dos sistemas e recursos forestais e das paisaxes. No caso do máster en Enxeñaría Agronómica, o alumnado capacitarase para o exercicio da profesión regulada de Enxeñeiro Agrónomo e para manexar os recursos naturais renovables de forma racional. A formación versátil do enxeñeiro/a agrónomo fai que desenvolva a súa actividade en campos moi diversos, tales como: Asesoría técnica, Estudos previos, Anteproxectos, Enxeñaría de proxectos (Técnicas construtivas e de instalacións, Proxectos de desenvolvemento rural, Proxectos ambientais), Informes e estudos (Informes agronómicos, periciais, elaboración de catastros, estudos de mercado, económicos, estudos xeotécnicos, estudos de localización e estudos de viabilidade), Direccións de Obra, Valoracións e taxacións (de empresas agroindustriais, de fincas rústicas, de construcións e instalacións agrícolas e gandeiras, de colleitas, taxacións de danos, taxacións de activos), Ordenación do territorio e do medio ambiente, Investigación (I+D+i), Docencia, Administración Pública, Asesoramento e xestión de axudas nacionais e comunitarias (UE), Xestor de fincas, empresas e cooperativas, Compra-venda de fincas rústicas, Implantación de sistemas de calidade, Seguros agrarios entre outras actividades.

 

C.T.: Por que considera que un alumno debe decantarse polo seu Máster e por un Campus como o Campus Terra da USC? Cal é o seu valor distintivo?

T.S.C.: As titulacións de Enxeñeiro/a de Montes e Enxeñeiro/a Agrónomo da Escola Politécnica Superior son as únicas que se imparten en Galicia dende 1995. Ademais da súa forte implantación, estes máster gozan da inmensa vantaxe de impartirse dende unha Escola de enxeñaría centrada no ámbito agroforestal e dende un campus orientado ao concepto “Terra”. Isto significa a dispoñibilidade de docentes especializados, infraestruturas adecuadas e o desenvolvemento dunha gran actividade relacionada con proxectos de I+D+i, convenios con outras universidades e centros de investigación e cun gran número de empresas do sector.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.