Skip to main content

David Miranda, coordinador do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio: “Masterterra é una actividade pioneira a nivel nacional”

David Miranda, coordinador del Máster en Gestión Sostenible de la Tierra y del Territorio: “Masterterra es una actividad pionera a nivel nacional”
David Miranda, coordinador del Máster en Gestión Sostenible de la Tierra y del Territorio: “Masterterra es una actividad pionera a nivel nacional”
O vindeiro 4 de agosto remata o prazo para solicitar a admisión no Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, máis coñecido como Masterterra, e que combina catro significados do concepto...
Lugo

O vindeiro 4 de agosto remata o prazo para solicitar a admisión no Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, máis coñecido como Masterterra, e que combina catro significados do concepto terra: ambiental, social, económico e cultural. O seu eixo central é o deseño de novos modelos de xestión territorial, nun contexto complexo, adecuándose ás características de cada espazo. O seu coordinador, o profesor da USC David Miranda, explícanos cales son as principais saídas profesionais de Masterterra.

 

Campus Terra (C.T.): David, de que modo este máster favorece a inserción laboral do seu alumnado?

David Miranda (D.M.): Este máster forma a egresados de diversas titulacións para que poidan exercer como xestores do territorio, tanto dende o ámbito público (Administración) como desde a iniciativa privada (oficina técnica, consultora, etc). O máster tamén está orientado a profesionais que xa están exercendo pero que necesitan actualizar e incrementar o seu coñecemento en materia de xestión e planificación territorial. Por último, o máster tamén dá acceso directo ao Programa de Doutoramento en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, para aquelas persoas máis interesadas no mundo da investigación, xa que posúe unha materia de introdución á investigación.

 

C.T.: Cales son os obxectivos fundamentais de Masterterra?

D.M.: O principal obxectivo do máster é formar os estudantes no ámbito da xestión territorial, dende unha perspectiva multidisciplinar, integrando coñecementos doutras titulacións como as Enxeñarías de Montes ou Agrónomos, Arquitectura, Xeografía ou Economía.  As materias que se imparten están relacionadas coa política do desenvolvemento do territorio, a xestión de terras, a avaliación de plans urbanísticos, valoracións catastrais ou técnicas de análise de información espacial como os coñecidos xeorradares e drons. É dicir, que ten unha relevante e destacada aplicación práctica en cada metro cadrado do territorio, ben sexa este urbano ou rural. Deste xeito, algunhas das liñas sobre as que se traballa son: sistemas de información xeográfica e ordenación territorial; xestión de terras (concentración parcelaria, banco de terras ou catastro), fotogrametría; teledetección; planificación e xestión de riscos naturais e antrópicos, etc.

 

C.T.: Por que considera que un alumno debe decantarse polo seu Máster e por un Campus como o Campus Terra da USC? Cal é o seu valor distintivo?

D.M.: O máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, que se imparte na Escola Politécnica Superior de Lugo, máis coñecido como Masterterra, e que este ano chega á súa sétima edición, é unha actividade pioneira a nivel nacional, pois de todas as universidades españolas tan só o Campus Terra ofrece este máster dende unha perspectiva multisectorial. Orientado a un perfil académico e investigador, está especializado na optimización da extensa riqueza territorial galega, lucense e española. A modalidade telepresencial é outro dos aspectos que fan que esta sexa unha iniciativa diferencial. A través deste sistema, a Escola Politécnica ofrece a posibilidade de que estudantes estranxeiros e doutras universidades, ou mesmo os que non queren desprazarse á aula, completen o curso a distancia, participando igualmente no desenvolvemento da actividade lectiva nas aulas.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.