Eugenio Otero Urtaza, coordinador do Máster DAEN: “Campus Terra é o máis coherente de Galicia”
Ata o vindeiro 4 de agosto, permanece aberto o prazo para solicitar a admisión no Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. O seu coordinador, o profesor da USC Eugenio Otero Urtaza, explícanos de que xeito obter esta titulación contribúe a redefinir o perfil profesional do seu alumnado, favorecendo a súa inserción no mercado laboral.
Eugenio Otero Urtaza (E.O.U.): Cales son os obxectivos fundamentais do seu Máster?
Campus Terra (C.T.): En primeiro lugar capacitar a educadores e profesores na alta dirección pedagóxica e na xestión das actividades relacionadas co tempo de lecer ao aire libre, en contornas naturais, adestralos na alta dirección pedagóxica de actividades relacionadas co tempo de lecer, o aire libre e o contacto coa natureza, e amosar os valores educativos que proporciona a natureza xerando actitudes positivas en relación coa capacidade educadora que teñen os espazos naturais. En segundo lugar, ademais diso, é importante formar aos estudantes que cursan este máster na organización, deseño e desenvolvemento de actividades educativas, a que saiban resolver un imprevisto ou un conflito, saber obter recursos e tomar decisións no día a día. Non desde unha perspectiva académica senón práctica. En terceiro lugar para facer todo iso é necesario desenvolver actitudes e un cerne moral que sirva para aproveitar toda a riqueza educadora que ofrece a natureza porque non serve que teñan unicamente habilidades e competencias técnicas porque a educación ten un cerne ético irredutible: ser educado e ser mellor persoa
C.T.: Cales son as principais saídas profesionais do seu Máster?
E.O.U.: Queremos proporcionarlle aos estudantes que van ser profesores de educación infantil primaria ou secundaria, e ben tamén para os profesionais especializados en tarefas de educación non formal, unha formación superior, interdisciplinar e actualizada no ámbito da natureza. Tamén e un título moi recomendable para educadores e técnicos de asociacións de tempo libre en contornas naturais; xestores de clubs de deporte na natureza; técnicos de educación e protección ambiental en concellos e administracións educativas; directores de aulas da natureza; directores de granxas-escola; directores de instalacións educativas en espazos protexidos; deseño de guías da natureza e itinerarios; documentación de rutas; persoas que realicen actividades educativas con maiores ou discapacitados en contornas naturais. Estudo e documentación de espazos naturais na súa dimensión educadora, con especial atención aos aspectos artísticos e literarios e de xogo ao aire libre.
C.T.: Por que considera que un alumno debe decantarse polo seu Máster e por un Campus como o Campus Terra da USC? Cal é o seu valor distintivo?
E.O.U.: O Campus Terra é o mais coherente de Galicia. Ten moitísimas vantaxes: está preto do centro da cidade e posúe un grupo de titulacións que non queren darse as costas e que ademais teñen un espazo especialmente favorable para o seu desenvolvemento non só con moita riqueza agropecuaria senón tamén cunha natureza e cultura rural que invitan a aprender delas porque proporcionan moita educación a quen as visita. Na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, que xa ten en si mesma moita preocupación pola escola nas contornas rurais e a formación dos mestres en competencias ao aire libre, este máster ofrece unha formación que está en consonancia co que se fai noutras universidades europeas e doutras partes do mundo, e que ademais ten un importante desenvolvemento práctico como non pode ser doutra maneira, xa que unha parte importante das súas actividades fanse ao aire libre, en contornas naturais de montaña, mar e por suposto tamén nas reservas lucenses da biosfera. É un máster que está nas redes do European Institute for Outdoor Adventure Education and Experiential Learning (EOE) e con posibilidades de participar en actividades transnacionais con mozos e mozas doutros países. Tamén da a posibilidade de entrar no programa de doutoramento da USC (é un mérito preferente ter feito este máster).