Campus Terra acolle un curso de formación para formadores de asesores agrarios
A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC e AGRIDEA (Centro de Asesoramento Agrario de Suiza) acollen os días 23, 24 e 25 de xuño un curso de formación para formadores de asesores agrarios, primeiro módulo obrigatorio para a obtención do Certificado CECRA, sistema europeo de certificación de formación de asesores en metodoloxía de asesoramento.
Baixo o título "Capacidades do Asesor en Áreas Rurais", o curso está sendo impartido por docentes, con acreditación CECRA, procedentes de Suiza, con amplia e probada experiencia na impartición de cursos de formación de asesores, tanto en Europa como en América; así como por docentes da EPS. O obxetivo consiste en que os participantes, ao final do curso, consigan mostrar coñecemento e actitudes propias para o asesoramento e recoñecer os medios e posibilidades para perfeccionarse como asesor. Asemade, preténdese obter a mellora continua da percepción, tanto propia como allena, das súas capacidades como asesor; e afondar na súa relación co grupo ao que se dirixen, de comprender mellor tanto os seus vínculos no campo profesional como as condicións xerais e os diferentes intereses na contorna onde o asesoramento ten lugar.