José Manuel Pereira González, profesor da EPS do Campus Terra da USC: "O Máster en Produción de Leite é unha ferramenta de reciclaxe profesional imprescindible para o sector"
0 24 de xuño remata o prazo para realizar a preinscripción nunha das titulacións propias do Campus Terra da USC, o Máster en Produción de Leite. O profesor da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, José Manuel Pereira González, explícanos os beneficios que aporta un máster desta natureza para o sector leiteiro.
Campus Terra (C.T.): ¿Cal é o valor distintivo deste máster?
José Manuel Pereira González (J.M.P.G.): O Máster de Produción de Leite formúlase como resposta a unha demanda do sector produtor de leite de Galicia e da Cornixa Cantábrica, na actualidade non existe ningunha outra titulación que abranga a produción de leite dun xeito integral. A combinación de materias de produción de leite, xunto con outras de produción de forraxes, calidade e economía fan que este Máster profesionalizante encaixe coa demanda de técnicos que ten o sector, sometido neste momento a unha dinámica empresarial moi esixente no referido á profesionalización dos técnicos. Debemos salientar que a oferta formativa ten un enfoque multidisciplinar e integral na que se conta con profesionais docentes de alto prestixio no eido da produción de leite, investigadores, docentes de Universidade e técnicos de empresas privadas, o que permite formular contidos interesantes, actuais e aplicables á produción de leite.
C.T.: ¿Cales son as principais saídas profesionais desta titulación?
J.M.P.G.: O máster está dirixido cara a especialización no sector produtor lácteo de todas as titulacións universitarias vencelladas ao eido agropecuario. Preténdese aproveitar a demanda do sector lácteo galego, cada vez máis dinámico, profesional e competitivo, que require de técnicos cada vez máis cualificados. Aos alumnos apórtaselles unha formación cunha orientación fundamentalmente profesional e práctica, de xeito que permita cubrir a demanda de expertos en servizos técnicos especializados e de asesoría que demandan as explotacións gandeiras, cooperativas agrarias, as institucións e empresas de servizos con saídas profesionais diversas en aspectos como asesoría en alimentación e formulación de racións, xenética e sanidade, técnicos en programas de mellora da calidade do leite, control e funcionamento da máquina de muxido, benestar animal, produción de forraxes ou xestión técnica e económica das explotacións. Entendemos o máster como unha ferramenta de formación continua e reciclado profesional imprescindible para o sector. Debemos significar o interese de unir os recursos da USC e da Xunta de Galicia atraveso do INGACAL, en colaboración con empresas e entidades punteiras do sector, en actividades de investigación e formación, o que permitirá aproveitar os recursos tanto humanos coma materiais e crear sinerxías .
C.T: ¿En que consiste o programa de prácticas?
J.M.P.G.: As prácticas estrutúranse en dous grandes bloques: prácticas de campo e prácticas en empresas. Nas prácticas de campo realizaranse diversas visitas a explotacións, cooperativas e empresas relacionadas coa produción leiteira nas cales os alumnos podan contrastar os coñecementos adquiridos nas aulas coas peculiaridades do desenvolvemento do traballo en condicións reais do campo. Tratamos de establecer unha mostra representativa que complemente os coñecementos adquiridos nas materias en aspectos como sanidade animal, reprodución e xenética, recría, alimentación, manexo, produción de forraxes, certificación da calidade e trazabilidade, diferentes tipoloxías de explotación, sistemas de produción, modelos de xestión e diferentes opcións de valorización das producións. Nas prácticas en empresas o alumno ao longo de 42 xornadas laborais integrarase nunha empresa, cooperativa ou entidade realizando a súa xornada laboral como un membro mais do seu cadro de persoal e baixo a supervisión dun titor. Trátase de que o alumno adquira unha especialización en función das súas preferencias en algún/s dos temas relacionados coa oferta académica do máster (alimentación, programas de mellora da calidade, xestión técnico económica, etc.) Pensamos que a experiencia e o contacto con quen está directamente traballando no sector, é unha boa forma de contrastar coñecementos, adquirilos novos, de acadar unha visión mais próxima ás necesidades reais do mundo laboral, e por outra banda tamén é una boa plataforma que sirve de escaparate para adentrarse no mercado laboral.