O catedrático Juan José Nieto repite entre os investigadores internacionais altamente citados de Clarivate Analytics
O catedrático de Análise Matemática Juan José Nieto Roig mantense un ano máis na lista dos investigadores internacionais altamente citados de Clarivate Analytics. Para a súa elaboración, esta clasificación toma en consideración os artigos publicados e citados entre 2006 e 2016 con especial atención nos que se sitúan no 1% dos que máis referencias rexistran por campo temático e ano de publicación na Web of Science e de acordo co Essential Science Indicators.
Na edición de 2018 figuran 6000 investigadores/as dos ámbitos das Ciencias e das Ciencias Sociais que teñen “demostrado unha influencia significativa a través da publicación de múltiples artigos altamente citados durante a última década”. O total de investigadores/as destacados, 4000 están agrupados en 21 áreas de coñecemento, e outros 2000 figuran polo carácter transversal dos seus traballos, sendo a primeira ocasión que estes últimos se incorporan á relación.
Juan J. Nieto
Licenciado en Matemáticas na Universidade compostelá en 1980, Juan José Nieto (A Coruña, 1958) obtivo unha bolsa Fulbright e trasladouse á Universidade de Texas en Arlington, onde traballou co profesor V. Lakshmikantham. Tres anos máis tarde doutorouse en Matemáticas na USC baixo a dirección do catedrático Gerardo Rodríguez López. Ocupou diferentes cargos na Universidade de Santiago de Compostela, entre eles o de decano da Facultade de Matemáticas e director do Instituto de Matemáticas.
Coordina o grupo de investigación sobe ecuacións diferenciais non lineares. O seu ámbito de traballo investigador aínda que de carácter básico potencialmente posúe utilidade práctica aplicado ao estudo de diversos temas da física, a bioloxía, a epidemioloxía, a medicina ou na bioinformática, co desenvolvemento de algoritmos máis eficientes para a comparación de secuencias xenéticas. É editor de numerosas revistas Fixed Point Theory ou International Journal of Biomathematics, destacando os postos de Division Editor do Journal of Mathematical Analysis and Application e de editor asociado de Fractional Calculus and Applied Analysis e do Journal of the Franklin Institute.
Ademais tamén coordinou ou participou en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, nacional e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais que acumulan máis de 11.000 citas. Xa citado con anterioridade na listaxe dos científicos altamente citados no eido das Matemáticas, nas edicións de 2014, 2015, e 2016 segundo datos do ISI Web of Knowledge era o terceiro investigador máis citado a nivel mundial no campo das matemáticas.