Skip to main content

Estudan nunha tese a ensinanza de Historia no ensino básico de Portugal

Ana Isabel Dias Moreira, na defensa da súa tese doutoral
Ana Isabel Dias Moreira, na defensa da súa tese doutoral

Ana Isabel Dias Moreira analizou na súa tese as concepcións e as prácticas de ensino da Historia do profesorado en Portugal, así como as representacións do alumnado sobre a súa propia historia. O seu traballo é o primeiro que finaliza dos 35 que neste momento se desenvolven no programa de doutoramento en Educación da USC como resultado do convenio establecido en 2014 coa Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico do Porto.

Para a súa investigación realizou un estudo experimental no que participaron seis profesores e 91 alumnos do 2º Ciclo de Ensino Básico do distrito do Porto. Os resultados poñen de manifesto “ algúns avances innovadores nas formas de ensino á vez que permanecen prácticas tradicionais”, explica a autora. Ao mesmo tempo, a educación histórica dos estudantes “parece contribuír a reforzar identidades nacionais tradicionais, cunha reducida presenza das competencias do pensamento histórico ou da capacidade crítica”, conclúe a doutora en Ciencias da Educación.

A dirección da tese ‘A história de Portugal nas aulas do 2º ciclo do Ensino Básico: educação histórica entre representações sociais e práticas educativas’ foi compartida polos doutores da USC Xosé A. Armas Castro e Ramón López Facal e por Cristina Ferreira da Costa Ribeiro Maia, da ESE/IPP.

O tribunal que avaliou a investigación e que por unanimidade lle concedeu a cualificación de sobresaliente cum laude estivo presidido por Luis Alberto Alves, da Facultade de Letras da Universidade de Porto, e formado ademais por Cosme Gómez Carrasco, da Universidade de Murcia, e David Montserrat Parra, da Universidade de València.

The contents of this page were updated on 12.10.2018.