Skip to main content

Persoal do AVTE e do CiMUS coñecen as particularidades do hub de innovación sanitaria ‘Medicon Valley’

Persoal do AVTE e do CiMUS, xunto con outros integrantes de CÓDIGOMÁIS desprazados ata Suecia
Persoal do AVTE e do CiMUS, xunto con outros integrantes de CÓDIGOMÁIS desprazados ata Suecia

Persoal da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) e do Centro de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC participaron a pasada semana nunha estadía ao hub de innovación sanitario coñecido como ‘Medicon Valley’ con sede en Copenhague (Dinamarca), Malmo e Lund (Suecia). Esta misión incluída no proxecto POCTEP CÓDIGOMÁIS, tiña como obxectivo coñecer esta singular experiencia no eido da transferencia de coñecemento e emprendemento na área biosanitaria, que pode servir para establecer colaboracións futuras coa USC nestes eidos.

A estadía permitiu aos membros da USC coñecer como está organizado este hub, o seu modo de funcionamento e os seus proxectos futuros. Ademais permitiu a realización de visitas a Medicon Village, á incubadora SmiLe e ás obras do European Spallation Source ou a MAX IV. Tamén se realizaron contactos con distintos axentes como a Universidade de Lund, a Universidade de Malmo, a Medicon Valley Alliance, Create Health, Invest Skane ou con HealthTech Nordic.

Borrebaeck
O persoal de AVTE tivo ocasión de establecer contacto co profesor da Universidade de Lund Carl Borrebaeck, experto en terapia biolóxica do cancro e director do CREATE Health Translational Cancer Research Centre da mesma universidade. O profesor Borrebaeck foi tamén promotor das spin-off Alligator e SenzaGen, actualmente cotizadas no Nasdaq.

CÓDIGOMÁIS
O proxecto CÓDIGOMÁIS traballa na creación dun ecosistema transfronteirizo de innovación no ámbito da saúde, na Área de Cooperación Galicia-Norte de Portugal, para a valorización orientada ao mercado de resultados de investigación. Neste proxecto participan a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), as Universidades de Santiago e Vigo, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA) e o Clúster Saúde de Galicia (CSG), pola parte galega, mentres que de Portugal son socios o International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), o Health Cluster Portugal (HCP), a Facultade de Medicina da Universidade do Porto e o Centro Clínico Académico Braga (2CA-Braga).

Carl Borrebaeck, nun dos encontros co persoal da USC

The contents of this page were updated on 12.07.2018.