Skip to main content

Breve guía de supervivencia para persoal investigador novo

Fernando P. Cossío. Foto: ResearchGate
Fernando P. Cossío. Foto: ResearchGate
Unha conferencia de Fernando P. Cossío este mércores na ETSE

O profesor da Universidade do país Vasco Fernando P. Cossío impartirá este mércores 12, ás 11:30 no Salón de Actos da ETSE, a conferencia ‘Unha breve guía de supervivencia para mozos investigadores’, na que presentará aspectos relacionados coa carreira investigadora, non só na súa vertente técnico-científica senón tamén no contexto social, cultural e político.

Na súa intervención tratará cuestións relevantes para o avance profesional dos mozos investigadores, tales como as publicacións, as patentes, a relación entre o avance da investigación e as crises sociais e económicas, así como as características da I+D básica e aplicada. Finalmente, informará acerca dos aspectos fundamentais da ética da publicación científica.

Fernando Cossío é licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Zaragoza (1982), doutor en Ciencias Químicas pola UPV/ EHU (1986) e catedrático de Química Orgánica nesa mesma Universidade. Foi ademais decano da Facultade de Ciencias Químicas e vicerreitor de Investigación e Relacións Internacionais.

Desde 2009 é director científico de Ikerbasque, a Fundación vasca para o avance da ciencia. Autor de 230 publicacións internacionais, 11 patentes de invención internacionais e 5 libros, entre os premios que recibiu destacan o Almirall da Sociedade Española de Química Terapéutica (1987), o Euskoiker (2005), a Medalla Ignacio Rivas da Real Sociedade Española de Química (2011) e o Premio de Investigación Janssen-Cilag España da Real Sociedade Española de Química (2013).

A conferencia, organizada pola Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias e Tecnoloxía da USC, é posible grazas ao financiamento extraordinario para a realización de actividades formativas da Xunta de Galicia.

The contents of this page were updated on 12.11.2018.