Skip to main content

Alianza a prol do desenvolvemento rural desde o Campus Terra

O reitor Antonio López, no centro, con representantes das asociacións implicadas no proxecto 'Nó rural'
O reitor Antonio López, no centro, con representantes das asociacións implicadas no proxecto 'Nó rural'
A USC traballará xunto con máis de 200 entidades e 95 concellos a prol da promoción de actividades socioeconómicas, científicas e culturais co proxecto ‘Nó rural’, cuxo convenio asinaron este xoves en Lugo o reitor Antonio López e representantes de seis asociacións de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia
Lugo

O Campus Terra da USC impulsa unha nova alianza a prol do desenvolvemento do medio rural galego e da mellora da calidade de vida das súas xentes ao abeiro do proxecto ‘Nó rural’, unha iniciativa na que a institución académica traballará man con man con máis de 200 entidades e 95 concellos para a promoción nos seus respectivos territorios de actividades socioeconómicas, científicas e culturais, segundo se recolle no convenio asinado este xoves na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo polo reitor Antonio López, así como por representantes de seis asociacións de desenvolvemento rural con presenza nas catro provincias galegas.

“Nó rural constitúe unha oportunidade para que que as universidades poidan transferir o seu coñecemento, a ciencia e avances tecnolóxicos e desde a USC queremos estar preto da sociedade”, subliñou  reitor Antonio López, no acto de sinatura do convenio en virtude do que se desenvolverá o proxecto ‘Nó rural’. Os presidentess das asociacións de desenvolvemento rural Seitura 22, que abrangue as comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal, Miño e Vilarmaior, Miguel Teixido; As Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso Miramontes; e Comarca de Lugo, José Ángel Santos, así como os vicepresidentes dos GDRs da comarca da Terra Chá, José Ulla Rocha, e A Limia-Arnoia, Cristina Cid Fernández, participaron na sesión de posta em marcha dun proxecto, no que tamén figura como socio a asociación de desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural de Tomiño, que abrangue 15 concellos da rexión do Baixo Miño e da mancomunidade da área de Vigo.

O establecemento dun marco de actuación axeitado para favorecer a colaboración entre a USC e as seis asociacións de desenvolvemento rural adheridas ao proxecto ‘Nó rural’ constitúe o primeiro dos cometidos dun ambicioso programa que contempla a promoción de diferentes actuacións que resulten de interese para as partes. De feito, ‘Nó Rural’ pretende alimentar o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas co labor das entidades, ademais de impulsar a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico e cantas outras sexan consideradas de interese mutuo.

Alén do fornecemento deste clima de colaboración a prol do desenvolvemento, o proxecto ‘Nó rural’ permitirá tamén ao alumnado do Campus Terra da USC a realización de prácticas curriculares e extra curriculares nos concellos asociados aos distintos GDRs adheridos neste programa. Daquela, o alumnado matriculado no campus de especialización que a USC ten na súa sede luguesa poderá desenvolver prácticas ou calquera outro tipo de actuación tanto nas propias administracións municipais como en asociacións e entidades locais ou en empresas vinculadas ao ámbito rural destes concellos. “Este programa supón unha nova vía para que as novas xeracións volvan ao rural”, subliñou Miguel Teixido, ao tempo que avanzou a inminente posta en marcha de diversas iniciativas orientadas a captar a atención dos investigadores da USC no Campus de Lugo, así como para mellorar a conexión e a inserción laboral dos titulados universitarios nas pequenas e medianas empresas ligadas ao medio rural.

Apoio institucional

A nova alianza a prol do desenvolvemento e da dinamización e modernización do medio rural selada en Lugo entre a USC e entidades ligadas ao tecido produtivo conta cun amplo apoio institucional, como o proba a presenza nesta sesión da directora Xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Tomás Cuesta, así como o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén apadriñaron a posta en marcha do proxecto ‘Nó rural’, do mesmo xeito que o fixeron xerentes e diversos responsables técnicos dos distintos Grupos de Desenvolvemento Rural implicados neste programa. Os profesores Francisco Fraga López, que proximamente asumirá a Vicerreitoría de Ordenación Académica e do Campus de Lugo, e Elvira López Mosquera, que desenvolverá as funcións de delegada do reitor para o Campus Terra da USC, tamén asistiron á sesión.

Acto de sinatura do convenio para o desenvolvemento do proxecto 'Nó rural', na Vicerreitoría de Lugo
Acto de sinatura do convenio para o desenvolvemento do proxecto 'Nó rural', na Vicerreitoría de Lugo
The contents of this page were updated on 03.03.2022.