Skip to main content

O grupo ‘As avoas de Laxe’ representan en Psicoloxía unha obra sobre os comportamentos machistas

Integrantes do grupo As avoas de Laxe
Integrantes do grupo As avoas de Laxe
Composta por nove pezas en clave de humor, a obra 'Facede o favor... pensade', versa sobre a igualdade de oportunidades, o Efecto Matilda, o homescarranchamento e sobre que o éxito depende do talento, do esforzo e do traballo, mais non do xénero

A Facultade de Psicoloxía abriu as súas portas ao grupo teatral As avosas de Laxe que puxeron en escena unha obra especialmente dirixida a estudantes do Mestrado de Igualdade, Xénero e Educación da USC co fin de reflexionar sobre os comportamentos machistas na actualidade. Composta por nove pezas en clave de humor, a obra 'Facede o favor... pensade', versa sobre a igualdade de oportunidades, o Efecto Matilda, o homescarranchamento e sobre que o éxito depende do talento, do esforzo e do traballo, mais non do xénero.

As avoas de Laxe

Este grupo de avoas, cunha idade media que ronda os 70 anos e liderado por Matilde Montás e Loli Toja, nace como un proxecto sociocomunitario de envellecemento activo co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas que o forman. Tras dous anos de pandemia, nos que non puideron compartir a súa arte co público, retoman con forza a xira de representacións desta obra que forma parte das actividades da materia 'Cambio social, Multiculturalismo e Saúde', da que son responsables os profesores Jorge García Marín, Ángeles Piñeiro Antelo e María José Sampedro Vizcaya.

Matilde Montáns e Loli Toja dirixen esta peza que conta cun elenco conformado por Mercedes Novoa,  Matilde Fraguela, José Novoa, Carmen Cousilla, Carmen Lema, Adrián Facal, Matilde Suárez, Mari Carmen Correa, Paula Pose e  Antón Carracedo.

 

The contents of this page were updated on 03.04.2022.