Skip to main content

Publicadas as proclamacións definitivas de reitor electo, representantes no Claustro Universitario e de estudantes nas Xuntas de Centro

A proclamación definitiva deste mércores tamén abrangue os representantes electos para todos os sectores do Claustro Universitario e que pode consultarse na web das eleccións. FOTO: Santi Alvite
A proclamación definitiva deste mércores tamén abrangue os representantes electos para todos os sectores do Claustro Universitario e que pode consultarse na web das eleccións. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC Antonio López tomará posesión do seu cargo nun acto institucional que se celebrará o vindeiro 22 de marzo
Lugo, Santiago de Compostela

Logo do período de presentación de recursos contra as candidaturas electas, este mércores 9 publicáronse as proclamacións definitivas no marco das eleccións a reitor, representantes en todos os sectores do Claustro Universitario e de estudantes nas Xuntas de Centro. De acordo con este trámite co que se dá por pechado o calendario electoral, Antonio López manterase como reitor da USC os vindeiros catro anos. O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario tomará posesión do seu cargo nun acto institucional que se desenvolverá o vindeiro 22 de marzo.

O equipo do reitor estará integrado por Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Política Científica; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización; Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado; Francisco Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo; Sindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación; Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura; e Dulce García Mella, secretaria xeral. O plan de goberno do profesor López está estruturado en cinco liñas estratéxicas: planificación ao servizo da Universidade, as facultades e escolas como elemento vertebrador, a estruturalización da investigación; cogobernanza, axilidade e transparencia; así como proxectar a imaxe da nova USC.

Claustro

A proclamación definitiva deste mércores tamén abrangue os representantes electos para todos os sectores do Claustro Universitario e que pode consultarse na web das eleccións. O sector I deste órgano colexiado abrangue o 51% do Claustro e atópase integrado por profesorado doutor con vinculación permanente, en total, 153 membros; o sector II abarca o 11% e nútrese de membros das restantes categorías de persoal docente e investigador, en suma, 33 membros; o sector III con 84 membros abrangue o 28% do claustro e está conformado por alumnado matriculado en titulacións oficiais; mentres que o sector IV, con 30 membros, o que se corresponde co 10% do Claustro, componse integramente por Persoal de Administración e de Servizos.

Na web das eleccións, tamén pode consultarse a proclamación definitiva de representantes de estudantes nas Xuntas de Centro.

The contents of this page were updated on 03.09.2022.