A Unidade de Arqueometría da USC contribúe cunha mostra de paneis á documentación da cerámica tradicional de Bonxe

A USC contribúe á documentación e ao estudo da cerámica tradicional de Bonxe, unha temática sobre a que versa a exposición ‘Formas tradicionais da cerámica popular. Terra Chá Bonxe’, que permanece aberta na luguesa Capela de Santa María ata o 10 de febreiro de 2019, coa elaboración de vinte paneis nos que se realiza un amplo resumo sobre a localización dos principais elementos desta cerámica, desde a localización nun Sistema de Información Xeográfico (XIS) das barreiras, ou os fornos, á identificación dos camiños tradicionais utilizados polos alfareiros para ir buscar barro ou para distribuír os seus cacharros polas feiras próximas.
A mostra sobre a cerámica tradicional e popular da Terra Chá, comisariada por Hixinio Flores Rivas e Orlando Viveiro Veiga, da Asociación Ceramolóxica Canaveira, e financiada polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación Provincial de Lugo, achega ao público a posibilidade de ver fisicamente uns 80 recipientes cerámicos tradicionais, algún deles con incluso máis de 200 anos, que representan amplamente a variación de formas que se produciron nesta área alfareira. A funcionalidade deste compendio de pezas axuda a ver como se desenvolvía a vida cotiá antes da aparición de utensilios realizados en novos materiais, un cometido ao que tamén axuda a proxección dun vídeo de carácter etnográfico no que se describe contextualiza Bonxe, ademais de presentar as paisaxes máis singulares ligadas a esta industria tradicional.
Respecto dos detalles etnográficos incluídos na exposición cómpre salientar como está recollido o dobre traballo dos alfareiros coma integrantes de agrupacións musicais locais. Destacan especialmente un estudo arqueolóxico sobre a riqueza en mámoas da zona. Daquela, a mostra presenta un estudo arqueolóxico das mámoas Roza das Aveas II e III e Roza de Afora, así como un estudo arqueométrico no que se analizaron barros e cerámicas co obxecto de profundar no proceso tecnolóxico de fabricación e na súa evolución no tempo.
A achega da USC á recuperación e posta en valor da cerámica popular e tradicional da Terra Chá céntrase precisamente na elaboración destes 20 paneis informativos, coordinados por Óscar Lantes Suárez, da Unidade de Arqueometría da Riaid da USC, e en cuxa elaboración participou Aida González Pazos, da Unidade de Raios X, coa elaboración dun estudo arqueométrico; Beatriz Guimarei Fernández, do Sistema de Información Territorial, coa elaboración da cartografía GIS. Pilar Prieto Martínez e Francisco Alonso Toucido, do grupo Sinscrisis de Investigación en Formas Culturais, que traballaron na elaboración dos contidos arqueolóxicos e históricos, tamén son coautores dos paneis.