Nace a primeira Cátedra de Transición Enerxética de Galicia
O reitor da USC, Antonio López, e Julio Arca, director de Finanzas e Estratexia de Genesal Energy, empresa galega especializada no deseño, fabricación e distribución de enerxía distribuída, presentaron no Colexio San Xerome a Cátedra de Transición Enerxética, a primeira destas características que se constitúe en Galicia. A investigación, a promoción da docencia e a difusión do coñecemento no ámbito da transición enerxética, e máis concretamente nos aspectos orientados aos sistemas de enerxía distribuída, son os grandes obxectivos que se perseguen a través do convenio de colaboración entre a institución universitaria e a compañía enerxética.
“A ciencia é unha peza crucial cara a transición e a soberanía enerxética. A creación desta Cátedra supón un novo chanzo no camiño xa que intensifica o vínculo entre a actividade universitaria e a industria”, sinalou o reitor Antonio López. Pola súa banda, Julio Arca, fixo fincapé na importancia de apostar por enerxías limpas e por solucións que permitan avanzar cara á transición enerxética. “A transición enerxética e fundamental nas accións contra o cambio climático. O transporte, a industria e a xeneración eléctrica supoñen un 60% das emisións de gases de efecto invernadoiro, sendo o sector eléctrico o de maior potencial de redución de emisións”, explicou.
Ademais do reitor e de Julio Arca, tamén interviñeron no acto Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo; Enrique Roca Bordello, director da Cátedra; Marcela Fernández, responsable da Unidade de Xestión de I+D+i; Paula Avendaño, responsable de marketing e comunicación, e a asesora xurídica Marta Blanco.
Obxectivos
En concreto, esta nova cátedra institucional fomentará a realización e participación en proxectos de I+D+i; desenvolverá sistemas de redes de enerxía distribuída baseados en combustibles cero emisións; e impulsará actividades que contribúan a facilitar a reflexión e o debate no ámbito da transición enerxética procurando que estea cada vez máis vinculada coa formación das promocións de grao e mestrado naquelas disciplinas relacionadas co obxecto da Cátedra.
Impulsar a dotación e convocatoria de premios a proxectos, concursos de ideas e traballos fin de grao e mestrados; promover a realización de prácticas dos estudantes, curriculares ou extracurriculares, en Genesal Energy; organizar cursos de especialización, conferencias, seminarios, reunións con expertos e visitas a entidades, empresas e institucións relacionadas co obxecto da Cátedra; e facilitar a inserción profesional dos estudantes da USC son outras das metas desta Cátedra pioneira en Galicia.
Sede
A sede da Cátedra de Transición Enerxética estará na Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC, nomeadamente no grupo de Investigación de Enxeñería e Xestión de Procesos e Produtos Sostibles; así como nas instalacións de Genesal Energy no Centro Tecnolóxico de Enerxía Distribuída (CETED), situadas na sede central da empresa en Bergondo (A Coruña).