Skip to main content

Ciencias da Educación celebra a festividade de Freire Martín Sarmiento

De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Carmen Fernández, Rita Radl, Cristina Abeal e Martín Leranoz. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Carmen Fernández, Rita Radl, Cristina Abeal e Martín Leranoz. FOTO: Santi Alvite
O conmemoración do patrón deste centro da USC serviu de marco para a entrega dos Sarmiento de Honra e dos Premios Extraordinarios de Grao e Mestrado no curso académico 2020-2021
Santiago de Compostela

“O acto do noso patrón é un fito importante cada curso porque nos permite atoparnos nun contexto solemne e festivo e visibilizar a importancia da Educación e do Ensino”. Así definiu a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Carmen Fernández Morante, o senso da festividade de Freire Martín Sarmiento. O acto que se desenvolveu no Colexio de Fonseca este venres 11 estivo presidido polo vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa. Na sesión, tamén interviñeron o vicedecano, Martín Leranoz Iglesias; e a secretaria da Facultade, Cristina Abeal Pereira.

A decana lembrou no seu discurso a pegada da pandemia na xestión da docencia. “Fomos un exemplo metodolóxico, na adaptación das prácticas e na avaliación para todos os centros da universidade”, dixo. “Xuntas fixemos da Facultade un espazo seguro, aprendemos o verdadeiro valor da interacción pedagóxica e do contacto cos outros. Amosamos o moito do que somos capaces cando afrontamos xuntas as adversidades e compartimos un mesmo obxectivo e compromiso”, destacou Fernández Morante.

Entrega de premios

A sesión serviu de marco para a entrega dos Sarmiento de Honra e dos diplomas dos Premios Extraordinarios de grao e mestrado do centro no curso académico 2020-2021. José Felipe Trillo Alonso, Antonio Rodríguez Martínez, Pablo Angel Meira Cartea e Beatriz Cebreiro López recolleron os seus respectivos Sarmientos de Honra en recoñecemento ás súas traxectorias.

Ademais, os alumnos Javier Riádigos Couso, María Aguión Lamas, Diego Lomba Hermo, Alba Prado Souto, Stefany Marian Sanabria Fernandes, Sara Mohamed Gómez, Antonio González López, Andrea Fernández Carreira e Clara Manrique Velayos foron recoñecidos diplomas dos Premios Extraordinarios de grao e mestrado no pasado curso.

Lección maxistral

A directora do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX), a catedrática da USC, Rita Radl Philipp, foi a encargada de pronunciar o relatorio central do acto baixo o título ‘(Re)construción e deconstrución de xénero. As identidades de xénero na encrucillada da educación’. A finalidade da conferencia, tal e como a propia profesora Radl sinalou ao comezo da súa intervención foi “afondar no significado teórico-epistémico do debate arredor das identidades de xénero, asunto que ten implicacións para a educación e a sitúa na encrucillada”.

O acto contou tamén con intervencións musicais a cargo de Mario Otero Diz, director da orquestra da USC e profesor do departamento de Didácticas Aplicadas da Facultade de Ciencias da Educación.

A sesión serviu de marco para a entrega dos Sarmiento de Honra e dos diplomas dos Premios Extraordinarios de grao e mestrado. FOTO: Santi Alvite
A sesión serviu de marco para a entrega dos Sarmiento de Honra e dos diplomas dos Premios Extraordinarios de grao e mestrado. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 03.11.2022.