Skip to main content

David MacMillan, premio Nobel de Química 2021, no Programa ConCiencia

‘A química como pasaporte ao mundo: o camiño dende Bellshill, Escocia, ata as marabillas da invención e o descubrimento’

03.30.2022 | 19.30h

Auditorio ABANCA (rúa Preguntoiro, 23)

A traxectoria científica de David MacMillan destaca polos seus achados no eido da organocatálise asimétrica

Programa ConCiencia
Programa ConCiencia

David MacMillan, premio Nobel de Química 2021, pronunciará o relatorio ‘A química como pasaporte ao mundo: o camiño dende Bellshill, Escocia, ata as marabillas da invención e o descubrimento’ o mércores 30 de marzo, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (rúa Preguntoiro, 23).

A traxectoria científica de David MacMillan destaca polos seus achados no eido da organocatálise asimétrica, baseada en pequenas moléculas orgánicas. A capacidade para fabricar moléculas é fundamental no progreso da humanidade. Para iso son claves os chamados catalizadores, sustancias que controlan e aceleran as reaccións químicas, sen ser parte do produto final. Por exemplo, nos coches transforman as sustancias tóxicas do tubo de escape en moléculas inofensivas. O corpo humano tamén contén miles de catalizadores que regulan a formación das moléculas necesarias para a vida. Durante moito tempo pensouse que só había dous tipos de catalizadores, ata que David MacMillan e Benjamin List descubriron a terceira vía da organocatálise asimétrica, temática na que MacMillan afondará durante a súa estadía en Compostela. 

Grazas á organocatálise asimétrica convértense determinadas sustancias químicas en produtos moito máis valiosos, dunha forma medioambientalmente sostible e económica, algo de enorme relevancia a nivel industrial, sobre todo no eido farmacéutico. Ademais, os organocatalizadores que dirixen estas transformacións permiten obter só unha das dúas formas especulares nas que soen existir moitos produtos (formas especulares como son a man dereita e esquerda); o que é vital para que poidan facer a súa función biolóxica ou tecnolóxica da forma axeitada.

David MacMillan. FOTO: Princeton
David MacMillan. FOTO: Princeton

Currículo

David W.C. MacMillan naceu en Bellshill (Escocia) en marzo de 1968, no seo dunha familia traballadora. Despois dunha educación secundaria da que se sente moi orgulloso, cursou química na Universidade de Glasgow. En 1991 mudouse aos Estados Unidos, para facer a tese de doutoramento na Universidade de California-Irvine, rematando en 1996. Despois dunha estadía postdoutoral de dous anos na Universidade de Harvard, comezou o seu traballo independente na Universidade de Berkeley, en California, en 1998. Alí foi onde o seu grupo fixo os primeiros experimentos que levaron no ano 2000 a unha publicación clave na revista Journal of the American Chemical Society, describindo os primeiros exemplos que permitiron conceptualizar o campo da organocatálise asimétrica, polo que recibiría o Premio Nobel en 2021 xunto co alemán Benjamin List, que no mesmo ano publicou outro artigo na mesma revista, cunha estratexia de organocatálise alternativa.

The contents of this page were updated on 03.17.2022.