Skip to main content

‘Minerais contra o cancro’ recada máis de 50.000 euros a través do mecenado

Imaxe do proxecto 'Minerais contra o cancro' na plataforma de crowdfunding da Fecyt
Imaxe do proxecto 'Minerais contra o cancro' na plataforma de crowdfunding da Fecyt
A coordinadora do proxecto de ciencia solidaria promovido conxuntamente pola USC e o HULA, Marta López Alonso, “agradece” o apoio recibido da sociedade luguesa nun concorrido acto celebrado ea Facultade de Veterinaria
Lugo

O proxecto de ciencia solidaria ‘Minerais contra o cancro’, unha iniciativa promovida conxuntamente por investigadores do Campus de Lugo da USC e do Hospital Universitario Lucus Augusti, pecha hoxe a campaña de micromecenado aberta desde mediados de xaneiro na plataforma de crowdfunding da Federación Española de Ciencia y Tecnoloxía (Fecyt) www.precipita.es logo de recadar máis de 50.000 euros, que se destinarán ao financiamento de investigacións orientadas a estudar o potencial cometido dos minerais en pacientes oncolóxicos.

“Emocionada” polo apoio recibido e as doazóns rexistradas, A coordinadora do proxecto ‘Minerais contra o cancro’, a profesora e integrante do grupo de Investigación en Medicina Animal (IMedA) na Facultade de Veterinaria, Marta López Alonso, fixo visible o “agradecemento” de todos os promotores deste proxecto a todas as persoas, entidades e empresas que posibilitan coas súas achegas económicas o desenvolvemento dun estudo sobre a incidencia que teñen os minerais en doentes oncolóxicos ou como suplementos para a súa mellor recuperación.

Acompañada dos investigadores da USC implicados no proxecto, entre os que figuran Marta Miranda, Víctor Pereira, Carlos Herrero e a doutoranda Inés Rivas, así como os facultativas médicos do HULA Rafael Monte, Ignacio Fernández e Rosa Argüeso, que tamén están chamados a ser protagonistas activos nesta investigación, López Alonso detallou neste acto público todas e cada unha das actuacións previstas no proxecto que se financiarán co diñeiro recadado, ao tempo que apuntou que aínda é posible realizar transferencias para a causa ata finais de marzo.

As primeiras accións contempladas polos promotores de ‘Minerais contra o cancro’, un proxecto de I+D orientado a investigar en profundidade o potencial cometido que poden desenvolver os microminerais en doentes oncolóxicos da provincia de Lugo, comezarán a desenvolverse xa a próxima semana coa toma de mostras de sangue a doantes voluntarios, adiantou esta investigadora da USC.

A análise das preto de 500 mostras sanguíneas que se precisan posibilitará estimar o nivel basal de mineiras que presenta a poboación luguesa. A partir desta información, engadiu López Alonso, a investigación céntrase en determinar a posible incidencia dos microminerais en determinados tipos de tumores oncolóxicos, a fin de valorar se o seu emprego como suplemento complementario das terapias convencionais de quimioterapia e radioterapia axuda a mellorar o prognóstico destes doentes.

Unha vez rematada a quenda de intervencións do acto de final da campaña de micromecenado do proxecto ‘Minerais contra o cancro’ e logo dun brinde de clausura, todas as persoas que participaron nesta sesión de agradecemento tiveron a ocasión de achegarse á investigación de xeito divertido a través dos monólogos de tres veterinarios formados no Campus de Lugo como o son Eva Cabanelas, David García e Uxía Yáñez.

Este ciclo de monólogos, promovido pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria, serviu para dar a coñecer ao público coñecer algunhas das liñas de investigación que se están a desenvolver no centro universitario lugués. Daquela, Eva Cabanelas Dopazo presentou neste acto, no que a ciencia se mestura co humor, o monólogo ‘Unha Tese para gobernalos a todos’. De seguido, David García Dios achegouse á saúde dos ruminantes coa charla ‘Intrusos na panza’. A tamén egresada da Facultade de Veterinaria de Lugo Uxía Yáñez Ramil pechou a sesión co relato ‘Máis aló dunha cunca de leite’.

The contents of this page were updated on 03.16.2022.