Unha expedición con profesorado da USC trae dende Polonia a medio cento de persoas refuxiadas
Profesorado da USC pertencente ao equipo de Investigacións Políticas viaxou a Polonia, acompañado por dous bombeiros voluntarios e un membro de protección civil para transportar máis de cinco toneladas de material humanitario a este país limítrofe con Ucraína. “Unha parte será destinada a realizar envíos humanitarios a Ucraína e a outra a atender as necesidades das persoas refuxiadas que vaian chegando a Polonia”, explicaron.
Outro dos obxectivos marcados pola expedición é a de trasladar o maior número posible de persoas desprazadas pola guerra. En total , agárdase que traian preto de medio cento de persoas refuxiadas grazas á colaboración de Monbús, o Concello de Ares e a ONG AGA Ukraine. Na expedición viaxan unha trintena de menores, acompañados de nais e familiares.
A recollida e embarque realizouse a noite do luns na cidade de Rzeszow, a 100 quilómetros da fronteira con Ucraína. As persoas refuxiadas proceden de Lviv (Leópolis), unha das cidades máis castigadas pola guerra. A expedición e as 47 persoas refuxiadas están a realizar os máis de 3.000 quilómetros que separan a cidade polaca de Santiago de Compostela de maneira ininterrompida, programando paradas unicamente para as comidas e outras necesidades da viaxe. Agárdase que o xoves cheguen a Santiago.