Skip to main content

Un curso forma en Humanidades a 15 investigadores do campus lugués en técnicas e recursos para publicar en revistas de impacto

Investigadores participantes no curso sobre publicacións científicas en revistas de impacto no eido das Humanidades e das Ciencias Sociais
Investigadores participantes no curso sobre publicacións científicas en revistas de impacto no eido das Humanidades e das Ciencias Sociais
Profesores das universidades de Valladolid e Salamanca imparten este programa sobre publicacións científicas promovido polo Ciedus da USC co apoio da Fundación Ultreia

As estratexias, técnicas e recursos para a publicación en revistas de impacto centra a temática do curso sobre publicacións de carácter científico que comezou a desenvolverse este luns e continuará mañá na Facultade de Humanidades do campus de Lugo. Esta actividade formativa, na que participan 15 estudantes e investigadores predoutorais na sede universitaria luguesa, está promovida polas vicerreitorías de Planificación, Titulacións e de Coordinación do campus de Lugo e coordinada pola Escola de Doutoramento Internacional en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas do Ciedus da USC.

Os docentes responsables de impartir este curso orientado a optimizar o potencial dos investigadores do campus de Lugo e tamén a mellorar o alcance e o impacto das súas respectivas achegas no eido da I+D+i son Benito Arias Martínez, catedrático da Universidade de Valladolid, e Víctor Arias González, profesor da Universidade de Salamanca.

Este módulo formativo sobre publicacións de carácter científico no ámbito das humanidades e ciencia sociais está coordinado polo profesor da USC Ramón López Facal e recibe financiamento da Fundación Ultreia. Trátase dun programa de carácter presencial que está estruturado en 12 horas lectivas, que se impartirán este luns e martes na Facultade de Humanidades de Lugo en quenda de mañá e tarde

O curso, a través do que o goberno da USC pretende achegar ferramentas complementarias aos investigadores en formación, busca ademais de mellorar o impacto científico das súas respectivas publicacións académicas, potenciar tamén as súas competencias en comunicación académica.

O programa destas dúas xornadas de formación é amplo e abrangue cuestións que van desde os factores de impacto e de clasificación das revistas JCR e Scopus, a análise das características e procedementos das publicacións de impacto en Ciencias Sociais e Humanidades, aspectos formais referidos ás regras de edición, sistema de citas e orde dos autores dun equipo nunha publicación ata o cometido que desenvolven os editores e revisores no proceso de avaliación por pares.

Os docentes encargados de impartir este curso aproveitarán as clases programadas para afondar co alumnado nalgunhas ferramentas informáticas acaídas para recoller e procesar datos en investigación en Ciencias Sociais, ademais de para analizar e debater sobre fortalezas e fraquezas dos artigos de calidade, así como das revisións maiores e menores dos avaliadores ou mesmo da clasificación e elección das publicacións de impacto científico máis axeitadas en función do contido de cada artigo.

A organización deste curso sobre estratexias, técnicas e recursos para publicar en revistas científicas de impacto no ámbito das Ciencias Sociais e Humanidades, súmase á xornada formativa centrada nas publicacións en revistas de impacto no eido das ciencias da saúde e das enxeñeiras, un curso organizado a comezos deste mes na Facultade de Veterinaria de Lugo pola Escola de Doutoramento Internacional do Campus Terra co financiamento tamén da Fundación Ultreia e impartido na Facultade de Veterinaria polo editor do grupo Nature e investigador ‘Ramón y Cajal’ na Universidade de Girona Marc Yeste. Con estes dous seminarios, a USC trata de achegar as mesmas ferramentas e recursos formativos a toda a mocidade investigadora do campus de Lugo, independentemente das súas liñas de traballo.

The contents of this page were updated on 12.17.2018.