Skip to main content

A membrana de grafeno sintetizada na USC ‘Holey graphene’, elixida ‘Molécula do ano'

Imaxe da nova membrana de grafeno con detalle da distribución dos seus poros, obtida mediante a técnica de Microscopía de Efecto Túnel. Foto: ICN2
Imaxe da nova membrana de grafeno con detalle da distribución dos seus poros, obtida mediante a técnica de Microscopía de Efecto Túnel. Foto: ICN2
Os lectores da revista C&EN, da American Chemical Society elixiron a malla de grafeno con poros controlados a escala atómica como a mellor molécula de 2018

A membrana de grafeno poroso sintetizada por investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), o Institut Català de Nanociència i Nanotecnologia (ICN2) e o Donostia International Physics Center (DIPC) foi elixida como a molécula máis salientable do ano polos lectores da revista C&EN, da American Chemical Society, cun 58% dos votos de entre oito candidatas internacionais.

A revista Science publicaba en abril este fito, nun traballo dirixido polo investigador da USC Diego Peña e o líder de grupo do ICN2 ICREA Aitor Mugarza que expoñía o potencial deste prezado material en aplicacións como a electrónica, filtros e sensores. Os resultados deste estudo, cuxo primeiro autor é o doutor César Moreno (ICN2) a partir da molécula sintetizada no CiQUS por Manuel Vilas Varela, deu lugar á solicitude dunha patente.

A presenza de poros no grafeno, cuxo tamaño, forma e densidade son modificables na nanoescala con precisión atómica, pode modificar a súa estrutura básica e utilizarse como unha malla ou filtro permeable para substancias minúsculas como gases de efecto invernadoiro, sales ou biomoléculas. Ademais, o grafeno convértese nun semiconductor cando o espazo entre poros redúcese a uns poucos átomos, abrindo a porta ao seu uso en dispositivos electrónicos, onde substituiría os compoñentes baseados en silicio máis voluminosos e ríxidos que se usan hoxe en día.

O grafeno resultante, útil coma baruto molecular e con propiedades eléctricas parecidas ás do silicio, permitirá no futuro desenvolver dispositivos que actúen simultaneamente como filtro e sensor, posibilitando a separación de moléculas específicas e bloquear e/ou monitorizar o paso das mesmas polos nanoporos, usando un campo eléctrico.

The contents of this page were updated on 12.17.2018.