Skip to main content

María Jesús Giráldez, nova coordinadora do Colexio de Decanos/as e Directores/as de centros da USC

María Jesús Giráldez e Antonio López. FOTO: Santi Alvite
María Jesús Giráldez e Antonio López. FOTO: Santi Alvite
A nova responsable deste colectivo reuniuse co reitor Antonio López para abordar cuestións comúns á xestión de todas as Facultades e Escolas
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor Antonio López e a decana da Facultade de Óptica e Optometría, María Jesús Giráldez, mantiveron este xoves 24 a primeira xuntanza de traballo dende que a profesora Giráldez fora nomeada coordinadora do Colexio de Decanos/as e Directores/as de centros da USC. Este colectivo encárgase da coordinación na toma de decisións sobre cuestións comúns a todas as facultades e escolas da USC, así como á análise e debate de temas compartidos e vinculados ao normal funcionamento dos centros.

Secretaria do Colexio ata agora, Giráldez busca dar continuidade e amplificar o traballo realizado por este colectivo e traslada o seu recoñecemento á súa predecesora no cargo, a profesora Pilar Bermejo. Considera que o Colexio ten unha importante misión na posta en valor das Facultades e escolas como puntos de referencia da vida universitaria, tanto no relativo á formación regrada como á súa dimensión como espazos de convivencia. Tal e como explicou, os centros son o espazo no que se produce a primeira relación do alumnado coa institución universitaria.

María Jesús Giráldez aspira a potenciar o papel destas unidades de xestión universitaria nos procesos de mellora permanente da calidade da docencia, seguindo neste senso os parámetros recollidos por Bolonia na definición do Espazo Europeo de Educación Superior. Na súa opinión a existencia do Colexio permite axilizar a toma de decisións no relativo a cuestións conxuntas relacionadas co funcionamento dos centros e achegar respostas comúns ante as incidencias cotiás.

Diplomada en Óptica e Optometría e doutora pola Universidade Complutense de Madrid, María Jesús Giráldez desenvolve a súa actividade profesional como profesora titular da USC impartindo docencia de optometría, contactoloxía e en clínica optométrica. Ademais de decana, cargo do que tomou posesión en febreiro de 2019, é coordinadora do grao en Óptica e Optometría dende 2011. Con anterioridade, foi subdirectora da Escola Universitaria de Óptica e Optometría da USC durante oito anos, entre finais de 2001 a inicios de 2010. É membro do grupo de investigación de Optometría (GI-2092), con actividades de investigación, entre outros, en superficie ocular e lentes de contacto.

The contents of this page were updated on 03.24.2022.