Skip to main content

O máster propio en Produción de Leite da USC pecha a súa cuarta edición coa entrega de diplomas e premios ao estudantado

Alumnos da cuarta edición do máster en Produción de Leite da USC con autoridades académicas e políticas, no acto de clausura celebrado na Casa do Saber
Alumnos da cuarta edición do máster en Produción de Leite da USC con autoridades académicas e políticas, no acto de clausura celebrado na Casa do Saber
David Vázquez, Cristina Vázquez e Carlota Lázare recibiron cadanseu galardón polo seu bo aproveitamento académico do posgrao nun acto celebrado na Casa do Saber

O máster propio da USC en Produción de Leite pechou este venres a súa cuarta edición coa celebración dun acto académico na Casa do Saber do campus de Lugo, no marco do que se procedeu á entrega de diplomas e premios aos estudantes que completaron este programa de posgrao con mellor aproveitamento académico.

O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, Jesús Varela Zapata, conduciu esta sesión académica, no marco da que se salientou a pertinencia da oferta dun programa de formación de posgrao centrado na produción leite, e no que tamén participaron o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta; o coordinador do máster en Produción de Leite, José Manuel Pereira González, e o deputado provincial delegado da área de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez Ónega.

Unha vez rematada a quenda de intervencións, os dez estudantes que completaron a cuarta edición deste posgrao recibiron cadanseu diploma, nunha sesión na que tamén se premiou o bo aproveitamento académico do meso acreditado por David Vázquez Novás, Cristina Vázquez Fernández e Carlota Lázare Nadela.

Estes galardóns, que contemplan gratificacións económicas en metálico de 800, 600 e 400 euros, respectivamente, están financiados pola Deputación Provincial de Lugo, Progando, Delagro e a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. Os premios distinguen tanto a excelencia académica do alumnado como a calidade dos traballos fin de máster desenvolvidos, segundo indicou o profesor Pereira González.

O coordinador do máster propio en Produción de Leite da USC comentou asemade que a temática dos TFM realizados polos estudantes con mellor rendemento académico abrangue cuestións diversas que van desde a xestión económica das explotacións de produción leiteira, as boas prácticas no emprego de antibióticos ou a análise das rutinas de muxido máis acaídas para a prevención de mamite en granxas de vacún de leite.

The contents of this page were updated on 12.14.2018.