Skip to main content

A Real Sociedade Española de Química e Lilly recoñecen a Martín Fañanás como Investigador Novo 2018

Martín Fañanás. Foto: Andrés Ruiz
Martín Fañanás. Foto: Andrés Ruiz

O investigador 'Ramón y Cajal' da USC Martín Fañanás acaba de ser recoñecido co Premio Investigador Novo que cada ano outorga a Real Sociedade Española de Química (RSEQ) xunto á empresa farmacéutica Lilly. O galardón, que distingue a excelencia científica de investigadores españois menores de 40 anos, recoñece así a liña investigadora de Fañanás centrada no deseño de metodoloxías sintéticas que permiten a transformación directa, sustentable e eficiente de materias primas simples e abundantes, como os hidrocarburos, en compostos máis complexos e de alto valor engadido.

Concretamente, o traballo premiado pon o foco no desenvolvemento de métodos de sínteses catalíticas para a construción de moléculas a través da formación de enlaces carbono-carbono. Estas metodoloxías sintéticas baséanse principalmente no uso de catalizadores de cobre, un metal barato e abundante, e permiten a ensamblaxe de diferentes reactivos de forma altamente selectiva e con alta eficiencia atómica.

O premio inclúe unha dotación de 3.000 euros, que lle serán entregados durante a XXVII Reunión Bienal do Grupo especializado en Química Orgánica da RSEQ que terá lugar en xuño na USC e na que Martín Fañanás impartirá unha conferencia.

O investigador da USC, que desempeña o seu traballo no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC, confía en que este premio contribúa a dar maior visibilidade ao seu labor científico. ”Supón un estímulo moi importante para seguir traballando e tentar achegar o meu granito de area á sociedade desde a investigación fundamental”, asegura.

Brillante carreira científica Martín Fañanás Mastral licenciouse en Química pola Universidade de Oviedo en 2002. Posteriormente cursou estudos de doutoramento na mesma universidade cunha bolsa predoutoral FPU do Ministerio de Ciencia, baixo a supervisión dos profesores José Barluenga e Fernando Aznar. Durante a súa etapa predoutoral realizou unha estadía no grupo do profesor Steve Lei, da Universidade de Cambridge (Reino Unido), ao longo da cal traballou na síntese total dun produto natural (Bengazol A).

En novembro de 2007 acadou o grao de doutor coa máxima cualificación por unha tese que recibiría o Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Oviedo. En xaneiro de 2009 foi contratado pola Universidade de Groningen (Países Baixos) onde traballou como investigador posdoutoral no grupo do Premio Nobel de Química 2016, Ben L. Feringa.

Ata a data Martín Fañanás Mastral ten publicado 55 artigos nalgunhas das revistas máis prestixiosas e de maior índice de impacto no seu campo, e o seu traballo foi presentado en diversos congresos internacionais (20 conferencias en total, 11 delas como investigador convidado). En 2015 foi galardoado co premio Thieme Chemistry Journal Award, e en 2016 gañou tamén o Sigma-Aldrich 2016 a Mozos Investigadores da RSEQ.

The contents of this page were updated on 03.22.2018.