Skip to main content

A primavera comezará o martes 20 ás 17.16 horas

A primavera comezará o martes 20 ás 17.16 horas
A primavera comezará o martes 20 ás 17.16 horas

Ás 17.16 horas do próximo martes 20 comezará a primavera, cuxo inicio está sinalado polo paso aparente do Sol polo punto Aries, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste. Como informa o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, nesta época do ano o Sol está practicamente, ao mesmo tempo, por riba que por debaixo do horizonte, saíndo o astro rei exactamente polo leste e poñéndose xusto no oeste. Esta nova estación estenderase ata as 12.07 horas do 21 de xuño, momento no que se rexistrarán quince horas e luz e nove de escuridade.

Durante a primavera haberá dúas choivas de estrelas das que, como explica o profesor Docobo, non se agarda moita actividade: as Líridas en torno ao 22 de abril e as Eta-Acuáridas a comezos de maio. Nos amenceres dos primeiros días tanto de maio coma de xuño poderá contemplarse unha aliñación Lúa-Marte-Saturno. Pola contra, no solpor do 17 de maio e 16 de xuño, a Lúa estará moi preto de Venus, planeta este que estará visible toda a primavera coma luceiro vespertino.

Segundo as estimacións do director do Observatorio Ramón María Aller, a finais de abril o protagonista vai ser Mercurio, observable a simple vista antes da saída do Sol, mentres que Xúpiter irá saíndo cada vez mais cedo, sendo visible durante case toda a noite ao longo da estación. Por outra banda, Marte e Saturno, próximos entre si, poderán observarse mais ben na segunda parte das noites. Para a observación dunha eclípse haberá que agardar ata o verán, cando o dia 27 de xullo teremos a oportunidade de visualizar unha total de Lúa.

Inverno chuvioso
Do inverno que remata, José Ángel Docobo subliña que na primeira quince deste mes de marzo e particularmente coas borrascas dos últimos días -Félix e Gisele- en Compostela rexsitráronse un total de 290 litros/m2, cantidade “que non se chegou a acadar en ningún mes completo do ano pasado”.

Logo dun longo período de seca, remata agora un inverno bastante chuvioso na área de Compostela. Como lembra o profesor Docobo, sen chegar á cantidade daquel outro inverno de 2015-16 (873 litros/m2 en 70 días), no de agora tense recollido preto de 750 l/m2, igualmente en 70 xornadas.

The contents of this page were updated on 03.16.2018.