Máis de 100 estudantes internacionais participan no proxecto universitario ‘O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago’

O proxecto internacional universitario “O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago: potenciando o poder do turismo para promover o diálogo intercultural e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable” reúne en Galicia do 17 ao 23 de marzo a representantes de universidades de tres continentes para percorrer esta ruta de peregrinaxe e participar no Foro Internacional Universitario.
Na recepción de benvida aos estudantes e profesores, celebrada na Universidade de Santiago de Compostela, o reitor Juan Viaño Rey destacou a dimensión deste proxecto internacional que “ involucra a toda a comunidade universitaria: estudantes, profesores e reitores”. Ademais, explicou que a iniciativa é “unha realidade grazas ao esforzo e vontade de moitos actores. A Organización Mundial do Turismo, Helsinqui España e o Grupo Compostela de Universidades, do que a Universidade de Santiago de Compostela é socio fundador”.
A directora de membros afiliados da Organización Mundial do Turismo, Yolanda Perdomo, sinalou que “esta iniciativa é unha magnífica oportunidade para conseguir que os mozos fagan seus os obxectivos de desenvolvemento sustentable de Nacións Unidas, aplicándoos na práctica a través do desenvolvemento de produtos turísticos innovadores. O seu compromiso, e o das institucións educativas que representan, son a proba da transformación positiva da sociedade á que todos aspiramos”.
A secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, María Teresa Carballeira Rivera, sinalou que a institución que dirixe se sente orgullosa de participar na iniciativa e dirixiuse aos participantes para lembrarlles que partir de hoxe se converterían en peregrinos. “Viaxeiros que andan por terras estrañas e gozan dunha importante calidade, son libres e transmisores de valores e coñecementos”, explicou.
Tras este acto de benvida, os participantes no proxecto tomaron un bus para iniciar un percorrido a pé de cinco días polas diferentes rutas do Camiño e poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a formación previa. Este curso en liña, realizado entre xaneiro e marzo, abordou temas como o turismo sustentable, os dereitos humanos e os valores de solidariedade e cooperación vehiculados por esta ruta de peregrinaxe.
O Foro Internacional Universitario O día 22 de marzo, tras peregrinar divididos en catro grupos, reencontraranse en Santiago de Compostela para poñer o broche final ao proxecto e participar ao día seguinte no Foro Universitario Internacional. Nel asinarase unha Declaración institucional de reitores que recolle o compromiso das universidades participantes de traballar para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sustentable, protexer os dereitos humanos e promover un turismo que contribúa ao crecemento económico, a un desenvolvemento incluente e á sustentabilidade ambiental.
Foto de grupo das persoas participantes. Foto: Arxina