Aberto o prazo para participar na ‘Bóla aberta de talentos en Matemáticas’
‘Bóla aberta de talentos’ é unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas concibida como un espazo no que as persoas que participen poderán presentar propostas —de tipo musical, poético ou monólogos e diálogos en lingua galega— centradas en temas relacionados coas matemáticas cunha duración máxima de cinco minutos. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a creatividade do alumnado do centro, desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como ofrecer un tempo de lecer de natureza lúdico-cultural adaptado ás particularidades do centro e realizado en galego.
Para participar, é preciso inscribirse a través dun formulario electrónico ata o día 18 de abril. Os detalles sobre os formatos admitidos —tanto no relativo a formatos musicais, propostas poéticas ou monólogo/diálogo— están dispoñibles na web do centro. A xornada de presentación das distintas propostas recibidas, desenvolverase publicamente nunha sesión o xoves 21 de abril a partir das 19.30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemática.