Unha mostra rende tributo en Filoloxía a escritores “marxinados ou malditos”
A mostra ‘Marginais uma vírgula. Os Malditos sem vírgula Pingentes!’, inaugurada este xoves na Facultade de Filoloxía, contén 24 gravados en técnicas de xilogravado, entallas e augafortes que homenaxean un conxunto de escritoras e escritores brasileiros, portugueses e galegos que “foron e aínda son, nunha gran medida, considerados marxinados ou malditos”, tal e como explicou o artista Francisco Rogido Fins. A exposición poderá visitarse ata o 31 de maio neste centro da USC.
Inscrita na sección de exposicións temporais do Programa Contornos, de atención a ámbitos externos relacionados coa cultura e a sociedade, a mostra foi inaugurada polo decano Elias J. Feijó Torres e a vicedecana Alejandra Ulla, xunto ao propio artista. O comisariado da exposición corre a cargo de Carlos Quiroga, tamén presente no acto, e Nerea Rogido.
A mostra homenaxea o escritor brasileiro Afonso Henriques de Lima Barreto no ano do centenario da súa morte e é o resultado das investigacións desenvolvidas polo creador Rogido Fins, quen concibe nos seus gravados a multiplicidade das respectivas producións literarias e poéticas dos creadores que conforman a mostra.