O Premio SYVA salienta o liderado da investigación desenvolvida no Campus Terra a prol da sanidade animal
O Premio Syva, un galardón dotado con 15.000 euros en metálico e creado hai un cuarto de século pola compañía farmacéutica homónima co obxectivo de incentivar a “fundamental” investigación no eido da sanidade animal e apoiar o labor da mocidade investigadora, salienta o potencial e o liderado do Campus Terra neste eido da I+D+i no marco da cerimonia de entrega da súa edición de 2022, un acto que se desenvolverá este martes na Universidade de Léon e no que a profesora na Facultade de Veterinaria da USC e integrante do Laboratorio de Referencia ‘E. coli’, Azucena Mora, actuará como ‘embaixadora’ ante a mocidade investigadora.
A profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo Azucena Mora Gutiérrez, quen en 2003 se converteu na primeira investigadora moza da USC en acadar este recoñecido galardón pola tese de doutoramento desenvolvida baixo o título ‘Escherichia coli verotoxixénicos (ECVT) O157-H7 e no O157 Prevalencia, serotipos, fagotipos, xenes de virulencia, tipos de intiminas, perfís de PFGE e resistencias a antibióticos de ECVT de orixe humano e animal’, regresa este martes ao escenario onde recibiu un dos maiores pulos á súa carreira como científica para actuar como ‘embaixadora’ deste galardón.
O cometido de Mora Gutiérrez pasa por animar ás novas xeracións de protagonistas da I+D+i nas universidades de España, Portugal e México a que concorran coas súas respectivas teses de doutoramento ás futuras convocatorias do Premio Syva. Alén de espertar novas ilusións a prol destas carreiras investigadoras, Azucena Mora, que tamén formou parte do tribunal encargado de fallar esta edición do galardón xunto con, entre outras, a catedrática da USC Patrocinio Morrondo, aproveitará a súa intervención para reiterar a súa gratitude a todas aquelas persoas que traballan para mellorar as ciencias da saúde, as ciencias veterinarias e, nomeadamente, o benestar dos seres humanos e dos animais.
As importantes contribucións da USC á evolución da sanidade animal, especialmente a través do labor de I+D+i que se desenvolve na súa Facultade de Veterinaria, tamén serán postas en valor pola nova embaixadora do Premio Syva, un galardón que en 2013 tamén distinguiu a investigación de doutoramento presentada na USC por Nuria Castro Iglesias baixo a dirección de Beatriz Magariños e Alicia Estévez Toranzo.