Skip to main content

Universitarios lugueses con talento e espírito emprendedor

Diego Rivas, Catherine Vales e Carla Fariñas, na Facultade de ADE da USC
Diego Rivas, Catherine Vales e Carla Fariñas, na Facultade de ADE da USC
O proxecto Eurowheels, unha iniciativa de turismo de hotel e furgoneta promovida polos alumnos de ADE Catherine Vales, Diego Rivas e Carla Fariñas, xunto coa docente Miriam Gómez, acada a mención especial do xurado no Talent Match de Hotusa
Lugo

O proxecto Eurowheels, unha iniciativa que mestura turismo de hotel e rutas en furgoneta promovida polos alumnos de último curso do grao en Administración e Dirección de Empresas na Facultade de ADE do Campus de Lugo da USC, Catherine Vales, Diego Rivas e Carla Fariñas, xunto coa docente Miriam Gómez, acada a mención especial do xurado na última edición do Talent Match de Hotusa organizado pola cadea hoteleira Eurostars e na que tomaron parte estudantes universitarios de toda España.

A iniciativa presentada en Madrid pola delegación universitaria luguesa, unha proposta que avoga polo lecer sustentable sen renunciar a ningunha comodidade, chamou a atención do xurado do Talent Match Hotusa, que outorgou ao proxecto Eurowheels o segundo premio do certame, así como unha mención especial pola orixinalidade de agrupar nun mesmo paquete turístico a liberdade de movementos que ofrece unha furgoneta Camper ben equipada coa seguridade e a comodidade de durmir nun establecemento hoteleiro.

O proxecto de turismo sustentable agromado polo alumnado da Facultade de Ade do Campus de Lugo en colaboración coa profesora Miriam Gómez Barreiro ofrecería aos usuarios os servizos de manutención e xeolocalización desde a recepción do hotel, o que garante a seguridade diante de calqueira incidencia de urxencia e ou emerxencia.

Satisfeitos coa boa acollida obtido coa innovadora proposta no ámbito do sector turístico que agocha o proxecto Eurowheels, Catherine Vales, Diego Rivas e Carla Fariñas, manifestaron a súa gratitude aos promotores dun certame que recoñece o talento do estudantado universitario ao tempo que o achega á realidade do sector turístico.

De esquerda a dereita, Carla Fariñas, Miriam Gómez, Diego Rivas e Catherine Vales, coa mención obtida no Talent Macht de Hotusa
De esquerda a dereita, Carla Fariñas, Miriam Gómez, Diego Rivas e Catherine Vales, coa mención obtida no Talent Macht de Hotusa
The contents of this page were updated on 04.25.2022.