Skip to main content

A USC participa na actualización do léxico matemático do Dicionario da RAG

Pola esquerda, Carlos Luís Iglesias (IGE), María Victoria Otero Espinar (USC), o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, Xosé María Masa (USC) e o coordinador do Seminario de Lexicografía da RAG,...
Pola esquerda, Carlos Luís Iglesias (IGE), María Victoria Otero Espinar (USC), o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, Xosé María Masa (USC) e o coordinador do Seminario de Lexicografía da RAG,...

Un grupo de especialistas, entre os que se atopan docentes da Facultade de Matemáticas, co respaldo da Comisión de Normalización Lingüística deste centro e do Servizo de Normalización da USC participaron na revisión e actualización do léxico matemático presente no Dicionario da Real Academia Galega. O traballo concretouse en 186 termos, parte deles entradas novas, pero tamén conceptos matemáticos que se incorporan como acepción propia a termos que xa figuraban e reelaboracións de definicións e exemplos. Todas estas achegas poden consultarse xa na versión en liña do Dicionario da RAG.

No equipo, conformado por un total de dez docentes das tres universidades galegas así como de centros de ensino secundario e persoal do Instituto Galego de Estatística, por parte da USC participaron Xosé Mª Masa Vázquez, Mª Victoria Otero Espinar, Celso Rodríguez Fernández e Xusto Rodríguez Río. No acto de presentación da actualización celebrado este luns a profesora Otero Espinar recordou que a idea de revisar o léxico matemático do Dicionario xurdiu nunhas xornadas de lingua e matemáticas celebradas na Facultade de Matemáticas da USC en 2013, unha das iniciativas postas en marcha pola comisión de normalización lingüística deste centro.

A partir de aí, constituíuse un grupo de traballo “moi motivado”, con especialistas de distintos eidos comprometidos co emprego da lingua galega no ensino, na investigación e nos usos profesionais. “Pensamos que se a información proporcionada polo Dicionario da RAG da terminoloxía matemática é clara e accesible, ao tempo que fiel ao concepto matemático que se describa, sen caer en simplificacións ou xeneralidades que provoquen erros, axudará a derribar a barreira que dificulta a transmisión de coñecemento a determinados sectores da sociedade que non están especializados”, salientou.

Na presentación destacouse a interdisciplinariedade do equipo encargado da revisión porque, se ben nove dos dez membros son do eido matemático, a coordinación asumiuna o lingüista do Servizo de Normalización Lingüística da USC Xusto Rodríguez. “El facilitou o establecemento duns criterios razoables e chegar a un consenso”, engadiu Xosé Masa. O catedrático agradeceulle ademais á RAG a acollida da iniciativa: “Contar co apoio dunha institución como a Academia, á parte da corrección lingüística que buscabamos, tamén ten o aspecto importante da autoridade”.

De desvío padrón a polinomial
Entre as novas entradas do Dicionario figuran palabras como grafo, hexadecimal ou óvalo. No apartado das novas acepcións en entradas incorpóranse conceptos matemáticos de vocábulos como interpolar, moda, mediana, congruencia, regresión ou transitivo; e expresións como desvío de padrón na palabra desvío e número alxébrico, número pi ou número abstracto na entrada de número. Outra nova entrada é polinomial para referirse ao relativo ou pertencente a un polinomio. A forma segue a solución máis habitual na maioría das linguas, e tamén a que ten máis razón de ser desde o punto de vista histórico e etimolóxico. Con todo, mantense, se ben como forma menos recomendable, o adxectivo polinómico.

The contents of this page were updated on 03.12.2018.